Clodio González: «Barbanza ten moita actividade literaria»

a. novo / m. x. blanco

BARBANZA

Álvaro Ballesteros

Destaca o gran traballo que fai Toxosoutos, que pasa xa dos 700 títulos, e a publicación mensual de Barbantia

30 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe remata o prazo para que os socios de Barbantia voten por aquelas persoas ou entidades que consideren merecedoras dun sereo. Un dos aspirantes é o historiador e investigador Clodio González. Opta ao Premio da Cultura Galega.

-¿Por que elixiu a comarca de Barbanza como un dos seus campos de traballo?

-A miña relación coa comarca comezou por amizade, sobre todo coa editorial Toxosoutos. Son lazos que veñen de lonxe, pois xa no 1984 hai un estudo meu publicado sobre o cemiterio de Noia. Este municipio estudeino moito, ao igual ca o de Lousame, onde investiguei todo o patrimonio. Levo máis de 20 anos colaborando en Rianxo, na revista que se edita co programa das festas da Guadalupe. Tamén sobre Ribeira publiquei, a comezos da década dos 90, o primeiro estudo sobre os cruceiros de capela. E en Boiro fixen algo sobre un cruceiro de capela xa desaparecido, o de Teaño.

-¿E ten algún proxecto para esta zona entre as mans?

-Son unha persoa moi activa e proxectos teño sempre. Gustaríame facer un gran libro sobre os cruceiros de capela, xa que teño varios estudos, pero independentes. Este cruceiro de capela, ou de loreto como lle chaman algúns, é único en Galicia. Rematan practicamente onde conclúe os montes de Barbanza. O último está no municipio de Ames.

-E como coordinador da editorial Toxosoutos, ¿que opina da produción literaria que hai en Barbanza?

-Barbanza ten moita actividade literaria. Non só está o caso de Toxosoutos, tamén está Barbantia, unha iniciativa moi interesante. A súa publicación periódica é un caso, non único, pero si raro de manter. Non estamos nunha época boa para a publicación en papel, aínda que parece que ultimamente hai unha pequena mellora, polo que é para ter en contar que unha editorial dunha vila como Noia se manteña tantos anos e pase xa dos 700 títulos. Cada ano saca á luz sobre vinte obras.

-Moitos veciños ven ademais en Toxosoutos a oportunidade de compartir as súas obras...

-Xa desde o seu comezo, Toxosoutos tivo por preferencia darlle a oportunidade aos autores da comarca. Foi moi importante para dar a coñecer autores que agora destacan nas letras. Aínda agora segue a ser así.

-¿Que significaría para vostede obter o sereo?

-Sempre é unha forma de que recoñezan o labor que un fai, que é de moitas horas.

-¿E como cualificaría o traballo de Barbantia?

-Non é doado atopar un caso coma ese, tanto das actividades que leva a cabo a asociación como da publicación de A Voz de Barbantia.