Blanca-Ana Roig: «A docencia sempre debe ir acompañada de investigación»

a. novo / m. x. blanco

BARBANZA

cedida

Formar ao futuros mestres para que lle trasladen aos nenos o hábito da lectura é un dos seus retos

29 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Diplomada en Maxisterio, licenciada en Filoloxía, catedrática de Literatura Galega Infantil e Xuvenil na USC e presidenta da Asociación Nacional de Investigadores en Literatura Infantil e Xuvenil, a sonense Blanca-Ana Roig Rechou é unha das aspirantes a facerse cun sereo, concretamente co Premio Barbantia da Cultura Galega.

-É posible que reciba un novo premio e na súa terra.

-O importante non son os premios en si, senón que fagan visible á xente que naceu en Barbanza e que fai algo por Galicia e pola cultura.

-¿Cando naceu ese interese pola cultura e pola literatura?

-Desde sempre. Quería ser mestra e fixen Maxisterio. Logo estudei Filoloxía porque quería darlle clase aos mestres. A docencia sempre debe ir acompañada da investigación, ben realizándoa de man ou ben aproveitándose dela.

-¿Por que elixiu ese campo da literatura infantil?

-Eu fixen a miña tesina de licenciatura sobre a colección Lar e pensaba seguir por ese camiño. Mesmo dei un paso para estudar o teatro de Gala, pero impartindo clases en Maxisterio observei que os futuros mestres non tiñan coñecementos sobre a literatura infantil e xuvenil e pareceume unha lagoa importante. Por iso decidín facer unha tese sobre ese tema.

-¿E aínda segue atopando material de estudo?

-Na literatura en xeral hai moitas máis posibilidades de buscar información, pero na infantil tamén hai enormes ocos, tanto temáticos como de recoñecemento do que é a propia literatura. Hai que distinguir moi ben entre libros formativos didácticos, literarios e artísticos, para formar lectores, pero tamén formar lectores literarios, xa que iso crea pensadores.

-¿Que papel cumpren os docentes á hora de transmitir hábitos pola lectura?

-Son pezas fundamentais. Ás veces hai quen pón a docencia e a literatura en lados opostos, xa que a literatura é voluntaria, pero non é así. Hoxe os nenos pasan ás veces máis tempo cos mestres que cos pais e eses mediadores son os que teñen que estar ben formados para favorecer o hábito lector e crear lectores competentes.

-¿Hai en Barbanza suficiente produción literaria dirixida ao público infantil?

-Hai bastante. Nun congreso que se celebrou no Son falei precisamente dese tema. Sempre se desexarían máis, pero hai bos escritores.

-¿Cales son os obxectivos desa Asociación Nacional de Investigadores en Literatura Infantil e Xuvenil que preside?

-O gran obxectivo é facer visible a literatura, non só desde a creación, senón desde como formar literariamente. Facemos comentarios e propostas para que os mediadores realicen mellor a súa función e tamén animamos aos investigadores a avanzar.

-¿Que plans ten sobre a mesa?

-Veño de Porto, onde organizamos tódolos anos uns encontros luso-galaicos. Nesta edición falamos da introdución da poesía nas aulas, pois é a cincenta da literatura. Dirixo a sección de literatura no centro Ramón Piñeiro, e iso leva tempo. Niso estou tódolos días.

-¿Como valora o traballo da asociación Barbantia?

-É unha asociación exemplar. Son un grupo de persoas que están introducindo ben a cultura por Barbanza, é un luxo que unha comarca teña unha asociación coma esta.