Nova política, vellos métodos

Ramón Ares Noal
Moncho Ares CRÓNICA

BARBANZA

28 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai trinta anos, na entón Puebla do Caramiñal, exercer o xornalismo era unha tarefa complicada, porque o alcalde non consentía gravadoras nos plenos para que as súas desproporcionadas intervencións non se difundiran; tampouco as cámaras de fotos porque non lle gustaba como saía nos xornais; incluso promoveu a queima de exemplares de La Voz de Galicia un domingo do Carme dos Pincheiros por publicar, días antes, unha noticia na que saía implicado nunha querela por prevaricación, e ata impulsou unha denuncia contra un xornalista por unha reportaxe sobre o trapicheo de droga nos xardíns baseándose na obriga de calquera cidadán de denunciar un delito do que é testemuña.

Tamén por aqueles anos, o mesmo rexedor ordenaba a retirada dunhas publicacións da asociación cultural A Miserela porque contiñan o topónimo Pobra, en lugar do de Puebla que defendía; e ata facía uso do taboleiro público dos xardíns para atacar a todo aquel que ousaba contradicir as súas posturas. Claro que daquela, só pasaran 14 anos da morte de Franco, e había xente que aínda non estaba acostumada a vivir en democracia. Sen embargo, Segundo Durán foi quen de avanzar e ata de recoñecer erros, iso si, despois de caerlle unha inhabilitación de seis anos por un delito contra a liberdade de expresión, precisamente pola retirada dos folletos da Miserela, o que se converteu no fin da súa carreira política.

Pois ultimamente véñenme á memoria aqueles tempos que cría superados, porque na hoxe Pobra do Caramiñal cambiaron os soportes e as persoas, pero non os métodos, e aos feitos me remito: unha representante pública que con nocturnidade e carapucha arranca unha placa simbólica dun acto reivindicativo e desfaise dela no peirao, sendo sorprendida por un membro das forzas de seguridade do que, inicialmente, fuxe; un feito que se publica neste xornal e que, previamente, dáselle a posibilidade de contar a súa versión, e só ten a ben deslizar a ameaza do xulgado, para, ao día seguinte, en redes, cualificar de falta de rigor unha información totalmente avalada, incluso documentalmente -fala de rigor quen protagonizou un acto totalmente carente del-; campaña no seu taboleiro -redes sociais- e queima do medio que deu a noticia -o malo non son os feitos, senón que se saiban-.

Nos tempos da nova política sucédense accións máis propias dos herdeiros da ditadura. A teima por desacreditar aos medios de comunicación social non é casual, senón unha estratexia porque pensan que quen controla a información controla o mundo, pero xa lles advirto que o mellor xornalismo xorde canto máis atrancos hai contra a liberdade de expresión, como hai trinta anos na Puebla.