Ovidio Rodeiro: «Estes orzamentos veñen demostrar a aposta da Xunta por esta comarca»

Ana Lorenzo Fernández
Ana Lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O representante autonómico destaca especialmente o proxecto para o desdobramento do corredor Noia-Brión

26 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Xunta está en pleno proceso de aprobación das contas para o próximo ano, que deixarán nos concellos de Barbanza máis de 12 millóns de euros, unha cantidade que o delegado territorial da Coruña, Ovidio Rodeiro considera moi importante, porque «estes orzamentos veñen demostrar a aposta da Xunta por esta comarca».

-¿Que destacaría das contas da Xunta para o próximo ano?

-Nestes orzamentos hai que destacar sobre todo que aumentan por terceiro ano consecutivo e que devolven á comarca a niveis de crecemento e benestar incluso anteriores á crise. Hai un cambio transcendental para a ría de Noia e Muros que é que xa non hai marcha atrás para ese desdobramento do corredor. Estamos falando dun investimento aproximado de máis de 12 millóns de euros en toda a comarca no 2018, con obras importantes en saneamento e en infraestruturas, pero a gran noticia é incorporar eses 250.000 euros para a redacción do proxecto de desdobramento do corredor Brión-Noia, que suporá un investimento de 15 millóns ata o 2021.

-¿Estes orzamentos servirán para acabar de instalar toda a rede saneamento na comarca?

-Estamos falando dunha planificación importantísima, con eses 4 millóns dos 14 que custará rematar o saneamento en Rianxo, e que servirán para ter una ría moito máis saneada. Tamén Ribeira recibirá 1,1 millóns para a EDAR e para eliminar eses malos olores que houbo durante o período de probas da depuradora. Ademais, hai actuacións importantes en Olveira, Boiro e Noia. Esta é unha importante inxección e unha aposta para mellorar a calidade das nosas augas. Todo investimento en saneamento é unha actuación que non se ve, pero ten que ser unha prioridade para a Xunta, e tamén para os concellos, que son os responsables do abastecemento.

-¿Inclúese unha partida para o dragado da ría de Noia?

-Tamén é unha prioridade. Hai actuacións moi importantes vinculadas á Consellería do Mar a través de Portos de Galicia, e está previsto facer sete proxectos destacados en Cabo de Cruz, Porto do Son, Portosín, Muros, Ribeira e Noia. Estamos falando dun investimento de 4,2 millóns para facer melloras nesas dársenas, e nos que tamén se inclúe un traballo na fachada marítima de Porto do Son.

-¿E na fachada marítima de Ribeira?

-Efectivamente. No concello de Ribeira xa se teñen feito actuacións importantes na zona portuaria, como a posta en marcha da nova lonxa, á que a Xunta destina 600.000 euros anuais para o mantemento. Tamén se farán unha serie de melloras no porto que van encamiñadas a seguir esa planificación e ese deseño que se fundamenta nos estudios dos arquitectos ingleses, e que vai supoñer un antes e un despois no deseño da cidade.

-¿Hai data para a ampliación do servizo de Urxencias do Hospital da Barbanza?

-Estamos falando dun hospital comarcal e hai que recordar que foi unha gran idea da Xunta a aposta por este tipo de centros, que non teñen outras comunidades. Coa nova lei de saúde, a Xunta blinda para sempre a estrutura destes complexos e facilita que os profesionais de hospitais centrais poidan desprazarse para facer certas consultas e operacións nos comarcais. Ademais de 240.000 euros para a ampliación de Urxencias, tamén hai unha partida importante para facer melloras en distintos centros de saúde. Acabamos de asumir o ambulatorio de Boiro, que supón un aforro de 260.000 euros ao ano para o Concello, e vanse investir 50.000 euros en melloras no de Noia.

-¿O próximo ano asumiranse centros de saúde pendentes?

-É unha planificación que se está levando conxuntamente coa Fegamp, que é a que propón á consellería os centros que se van a asumir en cada momento. É un problema que vén de atrás, e neste ano xa se incorporaron bastantes. Hai unha disposición da consellería para seguir asumindo centros e farase en canto haxa unha partida nos orzamentos.

A educación e os servizos sociais son, segundo Ovidio Rodeiro, prioritarios para a Administración autonómica, «que redobrou esforzos neste campo».

-Nos orzamentos non veñen especificadas obras nos centros educativos. ¿Haberá algunha?

-Non é preciso que saian referidas nos presupostos, e iso non quere dicir que queden sen facer. En todo caso, vimos de executar actuacións por un valor total de 800.000 euros nos distintos centros educativos da comarca. Hai que destacar que estes recintos participan nunha serie de programas innovadores e moi importantes. O obxectivo é darlle prioridade ás melloras dos equipamentos escolares e tamén á planificación educativa naqueles concellos nos que sexa necesario dotar de ampliacións porque hai un cambio demográfico. Como sucede no resto da provincia, hai municipios onde sobran prazas e outros onde faltan, e o compromiso da consellería é ir axustando a oferta á demanda. Con todas estas melloras podemos presumir de que temos un gran sistema educativo, con grandes profesionais, e seguiremos traballando para atender as distintas demandas.

-O centro de día de Rianxo quedou fóra das contas.

-O ámbito da Política Social é unha obsesión para a Xunta, prestar máis e mellores servizos sociais. En tempos de crise pasouse de atender 15.000 a 45.000 dependentes e o obxectivo é chegar aos 60.000, e iso se fixo con 4.000 millóns menos nos presupostos da Xunta. Veñen de incrementarse as axudas ao fogar, aos beneficiarios do Risga, as prazas das escolas infantís e a dar cobertura a todas as necesidades de todos os centros de día. Eu creo que a plataforma de Rianxo ten boa vontade, pero necesitamos que as Administracións sexan serias e coherentes cos recursos. Ninguén se plantexa facer un colexio novo se non hai alumnos. Estase atendendo a 18 persoas de Rianxo nos distintos centros de día e temos prazas libres en recintos asistenciais na comarca. O máis coherente non é construír equipamentos a esgalla como se fixo na época do bipartito. Non hai mala vontade, pero un centro de día ten que atender a criterios de necesidade.