Unai González: «Paco diría que había que deixarse de premios e traballar»

a. novo / M. x. blanco

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Di que obter o sereo sería homenaxear ao párroco e recoñecer o labor dos que queren preservar o seu legado

25 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai case 12 anos iniciaba a súa andaina en Aguiño a asociación Francisco Lorenzo Mariño, unha entidade que xurdiu do pobo, co ánimo de preservar a memoria do cura máis querido da localidade e tamén co fin de promover a cultura galega. Á fronte deste colectivo, que está nominado aos Premios Barbantia á Iniciativa Cultural está Unai González.

-¿Contentos coa nominación?

-Encantados e honrados polo feito de ser nominados, por loitar por un sereo de Barbantia, que cada vez ten máis prestixio a nivel cultural, non só en Barbanza, senón en toda Galicia. É un recoñecemento a todo o traballo que levamos realizando. Os socios da entidade teñen esa difícil misión agora de elixir os premiados.

-¿Onde está o punto de partida do colectivo?

-Naceu en decembro do 2005, imos cumprir xa 12 anos. Xurdiu con dous fins: preservar o legado cultural da comunidade construída por Francisco Lorenzo, que ademais de párroco foi un nexo de unión da parroquia e un loitador polos intereses dos veciños; e tamén dinamizar a vida social e cultural, non só da localidade, senón tamén do municipio e da comarca. Desde aquela vimos realizando actividades culturais, poñendo en valor o patrimonio e tamén defendendo os intereses dos veciños de Aguiño. O sereo sería un recoñecemento ao noso labor, pero tamén unha homenaxe a Paco, ao seu legado.

-¿Como recibiría Francisco Lorenzo esta nominación?

-El, fatal. El era unha persoa que escapaba dos recoñecementos, dos honores e das homenaxes, fuxiu toda a vida diso. Un exemplo dos moitos que podo mencionar é cando se lle quixo poñer o seu nome ao campo da Tasca, negouse rotundamente, e iso que fora o fundador do club. Nos últimos anos, despois dunha longa enfermidade, si que accedeu a unha serie de actos de recoñecemento e cedeu para darlle o seu nome a unha rúa de Aguiño e ter un busto no adro da igrexa. Se el estivera vivo diría que había que deixarse de premios e traballar. Si que estaría contento por nós, polos que facemos este labor.

-¿Cales son as principais actividades que realiza a asociación Lorenzo Mariño?

-É unha programación humilde e sinxela, na que destacan a Mostra de Teatro Afeccionado, que abrimos a toda a cidadanía e que ten sempre un fin solidario, que nesta edición é Cáritas; as xornadas dedicadas a Francisco Lorenzo, que coinciden co aniversario do seu pasamento; o Maio Cultural e a celebración das Letras Galegas, pois para nós é fundamental promocionar a lingua. Tamén participamos na Romaxe, como socios fundadores que somos; logo organizamos excursións, facemos labor de investigación e de documentación, colaboramos con entidades de toda Galicia... Sempre dende a humildade dunha entidade dunha pequena localidade como é Aguiño. Hai moitísimos colectivos por Barbanza adiante que tamén traballan a prol da cultura coma nós.