Javier González: «Temos que volcarnos en traballar da man das agrupacións locais»

Xoán Ramón Alvite Alvite
X. R. Alvite MAZARICOS / LA VOZ

BARBANZA

alvite

O mazaricano pensa que co seu apoio pode mellorar o funcionamento do partido na provincia

24 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Militante da agrupación socialista de Mazaricos e membro do actual comité nacional do PSdeG, Javier González Trillo formalizou esta semana a súa solicitude para ser secretario xeral dos socialistas coruñeses.

-¿Por que se decidiu a dar o paso de presentarse ás primarias?

-Principalmente porque penso que podo aportar traballo e esforzo para mellorar o funcionamento do partido a nivel provincial. Aspecto que, ao meu entender, é moi deficiente neste momento.

-¿A que se refire en concreto?

-En distintos ámbitos temos moita marxe de mellora. Levamos anos falando da necesidade de darlles un maior apoio e impulso ás agrupacións locais co fin de mellorar a súa operatividade e facelas máis abertas á sociedade, e o certo é que pouco ou nada se fixo neste tempo para alcanzar eses obxectivos.

-¿Esa sería a súa liña principal de traballo se resulta elixido?

-Dende logo que si. A pouco máis dun ano das eleccións municipais, temos que volcarnos en traballar da man das agrupacións locais porque, en boa medida, a nosa futura representatividade nos concellos depende diso.

-¿Como debe ser, ao seu entender, o perfil dun secretario xeral dos socialistas coruñeses?

-O dunha persoa disposta a traballar dende a base. Eu avogo por unha persoa sen un marcado perfil institucional nin responsabilidades noutros organismos que lles impidan dedicar o máximo tempo posible á propia organización provincial.

-Xa se está a falar de fusións e integracións de distintas candidaturas. ¿Valora vostede esta posibilidade?

-En principio, non. Está habendo conversas porque temos que falar e entendernos e, sobre todo, axudar o máximo posible ao que resulte elixido. Eu, salvo que non consiga xuntar o número mínimo de avais para presentarme -sitúase nos 110- non vou retirar a miña candidatura.

-¿Que espera deste proceso de primarias?

-Sobre todo, que se leve a cabo con absoluta normalidade. Que os afiliados e afiliadas poidan escoller libremente aos candidatos e que nós teñamos igualdade de oportunidades para facer chegar as nosas propostas.