Activista cultural e afeccionada a viaxar

M. T.

BARBANZA

Licenciada en Belas Artes en Pontevedra, nesta artista habita un espírito inquedo que lle permite estar nun proceso constante de reactivación

24 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Abre os ollos e mírase imbuída pola maxia dun lugar que lle subtrae os sentidos. Son os anos oitenta do pasado século, e Lola Regueira, a rapaza do Eitón, comeza a respirar a vida aí, nese lugar, apodérase dos soños e das luces que o abrente lle trae cara ao seu interior, e nesa infancia, endexamais esa distancia das pedras encantadas foi moita.

Estuda no Colexio Público de Palmeira e despois fai o Bacharelato no IES de Coroso (Ribeira), para recalar en Boiro e facerse co seu obxectivo: o Bacharelato de Artes, que cursa no IES Praia Barraña. Logo viría o camiño que a levou a licenciarse en Belas Artes na especialidade de Multimedia e Máster en dirección de Arte Publicitaria na facultade de Pontevedra.

En Lola Regueira hai moito de activista cultural. Nela habita un espírito inquedo que nunca se detén, e que vai ao seu paso facendo desaparecer as portas diante dos seus ollos, o que lle permite estar nun proceso constante de reactivación. Así, no 2011 crea un blog importante no panorama cultural do Barbanza: Arte Barbanza, inda activo na actualidade. Outra das iniciativas é o proxecto que leva a cabo xunto con María Magán e Pascual Vidal, Artists Upstairs, que se inaugura no Centro Social de Boiro.

Exposicións

Non podiamos pasar por alto algunhas das súas exposicións -e estas que enumero son só uns apuntamentos-, que se inauguran en diferentes momentos: no 2013, Baixo o mesmo ceo, na galería O Faiado; no 2014, Sobre a paisaxe contemporánea, colectivo La Salita, Gijón; no 2015, Uno x uno, exposición colectiva na galería Sargadelos de Boiro; no 2016, Cans e jhatos, na galería O Faiado, Ribeira; e dúas exposicións máis foron as colectivas de BarbantiaRte, en 2015 e 2016, no Museo do Gravado de Artes.

A outra faceta de Lola Regueira é a de viaxeira, afeccionada a percorrer e admirar a nosa terra, a respirala. E sente devoción por Portugal, e ultimamente visitou as illas do arquipélago das Azores: e alí lle seguen os ollos abraiados, recollendo soños e olladas para a súa arte.