Loli Regueira Pintora: «A arte no Barbanza ten esa esencia de inxenuidade que me encanta»

Está convencida de que os artistas fan as creacións para si mesmos


Son as primeiras horas da tarde, e caen as luces resucitando os liques e o balor sobre o granito desta cidade histórica. Falo de Pontevedra, que foi medrando a carón do barrio da Moureira cos seus gremios de mareantes, e eses recendos do calafateo e das salitres de outrora, berce de cultura e de persoeiros que militaron nas elites artísticas: Valle-Inclán, Castelao, Alexandre Bóveda, Manolo Quiroga. E neste espazo, ando na procura da nosa pintora que hoxe nos vai acompañar nesta travesía, e que pasou de habitar as últimas praias a morar temporalmente nesta cidade do Lérez, onde nos acolle para conversar a carón da praza da Leña, ou baixo o gótico monumental de Santo Domingo; ela é Loli Regueira, e dispoñémonos a charlar sobre o seu mundo artístico e sobre outras cuestións da vida e a obra de seu.

-Lola, ti vives ou retornas sempre a Palmeira, a ese universo emocional da túa paisaxe. Cal vén sendo a primeira lembranza que tes dese lugar?

-Teño moitas lembranzas de nena, cando aínda apenas falaba. Recordo andar co meu avó polo Eitón, e ambos os dous, nun xogo de complicidade, decidimos bautizar as gaivotas como as «colocolo»; mirar as xentes apañando miñocas ou limpando as dornas, despois dunha de brincos desorbitados pola casa.

?Ser de Palmeira imprime natureza. Palmeira é un nome, un topónimo con ADN propio. Que representa iso para ti?

-Sinto que non puiden caer en ningún lugar mellor no mundo: estou moi agradecida por nacer xustamente aquí. Sinceramente, non me conformaría con outra parroquia; nin sequera me conformaría con outro lugar en Galicia.

?Dime, cando sentes que o mundo da arte te atrae?

-A verdade é que sempre a tiven moi preto: vía o meu pai debuxar e tamén quería facelo. Mentres eu facía un garabato nun papel, el enseguida mo interpretaba, convertía un  «non-sei-que» en algo totalmente recoñecible: só lle faltaban os ollos e, con dous puntiños ben postos, había un paxaro en lugar dun borrancho.

 ?Inda que esta pregunta que che vou facer é redundante ?inda que ao meu ver necesaria?, que é realmente a arte para ti?

-A arte para min é todo aquilo que está construído, fabricado, confeccionado ou pensado por un ser humano, cunha sensibilidade especial, capaz de provocar ou orixinar cambios nun público que se sinta identificado, sensibilizado ou marabillado polo que ve, escoita ou le.

?Cóntame, cales son as túas referencias no mundo artístico? A que pintor ou artista admiras moi especialmente?

-Para dar un nome coñecido, podería dicir William Turner: paréceme incríbel, non sei se o feito de admirar a súa arte reverte na miña obra. E un artista contemporáneo de referencia sería Jordi Boldó.

?Dime Lola, que buscas realmente ao través da túa obra?

-Busco sorprenderme; é moi egoísta dicilo, e moito máis xeneralizar, pero os artistas fan arte para si mesmos. É a maneira que teñen de se sentir realizados.

?Que é para ti ser artista?

-Pois que é unha desgraza e que pasa nas mellores familias. O artista é unha persoa sentimental e emocionalmente moi diferente aos demais. Xeralmente son persoas independentes. É moi raro que un artista teña un amplo círculo de amigos, agás Andy Warhol, que simulaba que os tiña; ou Woody Allen, outro exemplo. Polo tanto, para min, o artista nace.

?Como ves a arte actual no Barbanza?

-A arte no Barbanza ten esa esencia de inxenuidade, que me encanta. Está desconectada da arte actual que é moi mecanizada e conceptual.

?Pensas que a arte debe estar comprometida coa sociedade?

-Sen ningunha dúbida. A arte é social ou non é. Pero creo que, actualmente, o seu compromiso é máis ben escaso, polo que carece de voz e de protagonismo na comunidade.

 ?Cales coidas ti que son os máis urxentes problemas dos nosos artistas no Barbanza?

-Penso que, o máis importante, é non contaren cun local socio-cultural específico, de reunión e de produción artística.

?Lola, ti que es muller, artista, comprometida cos novos valores, pensas que no mundo artístico hai moito machismo? É unha cuestión unicamente de homes?

-Realmente, nunca penso de que xénero son cando estou facendo arte. É unha barreira da que se fala pero, na miña consideración, para un artista é algo accesorio, nunca primordial no intre da creación.

?Pódese vivir ?ou sobrevivir? hoxe da arte exclusivamente? ?pregunto.

-Si, pódese, claro. Todo depende de cara a onde dirixas a ollada.

?Lola, imos xa rematando esta conversa. Pero antes dime, ten a arte futuro?

-Si o ten. A arte debe aplicarse ao futuro.

Ata aquí foi voando a conversa. Loli é unha artista nova, reflexiva, con moita formación e, dende logo, sorprende o claras que ten as súas ideas. Unha artista que anuncia un porvir cargado de agradables sorpresas. E, a pesar da súa idade, é xa unha pintora con gran proxección, que cre no que fai: a arte do futuro.  

Activista cultural e afeccionada a viaxar

M. T.

Licenciada en Belas Artes en Pontevedra, nesta artista habita un espírito inquedo que lle permite estar nun proceso constante de reactivación

Abre os ollos e mírase imbuída pola maxia dun lugar que lle subtrae os sentidos. Son os anos oitenta do pasado século, e Lola Regueira, a rapaza do Eitón, comeza a respirar a vida aí, nese lugar, apodérase dos soños e das luces que o abrente lle trae cara ao seu interior, e nesa infancia, endexamais esa distancia das pedras encantadas foi moita.

Estuda no Colexio Público de Palmeira e despois fai o Bacharelato no IES de Coroso (Ribeira), para recalar en Boiro e facerse co seu obxectivo: o Bacharelato de Artes, que cursa no IES Praia Barraña. Logo viría o camiño que a levou a licenciarse en Belas Artes na especialidade de Multimedia e Máster en dirección de Arte Publicitaria na facultade de Pontevedra.

Seguir leyendo

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Loli Regueira Pintora: «A arte no Barbanza ten esa esencia de inxenuidade que me encanta»