María González López (Ribeira, 1928): A eterna avoa de Bandaorrío

Ribeira / la voz

BARBANZA

21 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Dicir que a perda de María González López (Ribeira, 1928), coñecida como Maruja a Carneira, deixará unha ausencia irreparable nunha das familias máis queridas da vila sería faltar á memoria dunha persoa que gañou a pulso o título de avoa de toda unha veciñanza, a de Bandaorrío. María González medrou entre mariñeiros, con 7 anos xa acompañaba a súa nai a vender peixe e cosía redes.

Tamén traballou limpando o centro de saúde ribeirense ata a súa xubilación. Pero nunca estivo quieta sen facer algo por alguén, pois Maruja era esa clase de persoa que estaba obrigada a deixarse a pel polos seus e por cada veciño que o precisase. Dona dunha voz prodixiosa, foi integrante da coral ribeirense e amaba escoitar ao seu neto, cantante, en concerto. E aqueles que a coñecían sempre agardaban por esa pequena adaptación de La casa por el tejado á que o seu músico favorito nunca faltou: «Todo lo que sé me lo enseñó Maruja».

María González recibiu onte o último adeus na igrexa de Santa Uxía, pero Bandaorrío non pode despedir á súa avoa porque esta xa vive para sempre na lembranza de todos.