Manuela Oviedo: «A Ruta dos Faros busca poñer en valor o patrimonio e o turismo mariñeiro»

a. novo / m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

A iniciativa, que afecta a toda a costa galega, entrará en funcionamento o día 28

18 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Dentro dun par de semanas será presentado o primeiro produto turístico que vincula toda a costa galega collendo como nexo elementos arquitectónicos míticos e singulares. Trátase da Ruta dos Faros. A idea é que os visitantes se animen a descubrir estas torres e gocen no camiño da gastronomía local, de aloxamentos con encanto e mesmo de actividades de turismo mariñeiro. Esta iniciativa é froito dunha suma de esforzos capitaneada polos grupos de acción local pesqueira da comunidade. Manuela Oviedo é a xerente do que traballa no territorio barbancés.

-¿Que é a Ruta dos Faros?

-É un proxecto de cooperación xurdido da necesidades que tiñamos de reorganizar as actividades vinculadas ao club Mar Galaica. A Ruta dos Faros busca poñer en valor o patrimonio e o turismo mariñeiro, e tamén é un xeito de que as Administracións empecen a pensar na posibilidade de darlle valor a estes faros, pois moitos están en situación de deterioro.

-¿Quen forma parte dese club Mar Galaica?

-Forman parte tódalas actividades de turismo mariñeiro que se fan ao longo da costa de Galicia, os museos e centros de interpretación vinculados ao patrimonio mariñeiro, as empresas de carácter privado que levan a cabo iniciativas de turismo relacionadas co mar, así como tódolos restaurantes e aloxamentos que cumpren un determinado estándar de calidade. Por exemplo, no caso dos restaurantes, todos os que forman parte do club teñen instaurado o Quilómetro Cero Mar Galaica, iso quere dicir que os produtos identificados con este selo non teñen máis de cen quilómetros de percorrido desde o lugar de orixe. Deste xeito potenciamos o consumo dos elementos pesqueiros do territorio.

-Entón, ¿esa Ruta dos Faros é moito máis que un percorrido pola costa?

-Exactamente, é un itinerario pola costa de Galicia, onde o nexo son os faros, pero que leva asociadas outras moitas actividades, desde visitas ás lonxas ata un Top 100 Selfies, que persigue fomentar os lugares máis recónditos do litoral.

-É ademais unha iniciativa adaptada a case tódolos perfiles de turista, ¿non?

-Si, hai a posibilidade de facer a ruta a pé, en moto, en coche, en caravana e incluso por mar. O usuario do noso produto vai ser o que elixa o tramo a facer e alí vai ver tódalas opcións que ten.

-¿Que faros do territorio barbancés están incluídos?

-Están incluídos os faros de Sálvora, Lariño, Rúa, Rebordiño, Corrubedo e Louro.

-Algúns deles están nesa situación de desuso que mencionaba con anterioridade.

-Si, de feito estanse analizando as posibilidades de revitalizar o de Lariño e o de Corrubedo, pero claro está que sería moi interesante que todos eles volveran a ter algún tipo de actividade.

-Deseñada a ruta, ¿cal está a ser a acollida?

-Imos sabelo o vindeiro día 28, cando se presente a ruta en Santiago, tanto para as Administracións de carácter institucional como para a prensa. Dous días despois haberá un encontro coa prensa a nivel nacional e unha nova presentación en Madrid.

-Pero, ¿percíbese expectación?

-Si, hai expectación e interese. De feito, hai moitos colectivos implicados neste proxecto. Esta ruta leva aparellada formación en turismo mariñeiro, fixéronse seminarios temáticos ao longo da costa orientados a promover a ruta. Está empezando a soar e a espertar interese.

-¿Búscase esa desestacionalización do turismo da que tanto se fala nesta comarca?

-Efectivamente, e búscase fomentar o turismo de fin de semana. Creo que a maneira idónea de facer a ruta e ir por tramos, que poderían ser cada fin de semana, con parada nun aloxamento con encanto e gozando de comidas en dous restaurantes.

-¿Vai ter entón unha repercusión económica importante?

-Hai 120 restaurantes implicados e outras tantas actividades de turismo mariñeiro. Se realmente a ruta funciona, estes negocios notarán esa repercusión.

-¿Cando se poderá estrear?

-En canto se presente, a páxina web estará dispoñible para aqueles que queiran consultar a información. É un plan idóneo para a ponte de decembro.