Día do Patrimonio

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

17 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao longo de toda esta semana, tanto as institucións da memoria (as bibliotecas, os museos e os arquivos) como a Rede do Patrimonio, que reúne ás entidades civís de defensa do patrimonio cultural de Galicia, están a celebrar o Día do Patrimonio Mundial, que ten o seu eixo central no 16 de novembro. Esta é unha data para celebrar a herdanza dos nosos devanceiros: bens inmobles -desde castros a cruceiros ou lavadoiros-, mobles -escanos, arados- ou inmateriais -os contos, os bailes-.

En toda Galicia estimamos que o legado patrimonial inmoble ha de andar pola incrible cifra de 50.000 bens. No portal patrimoniogalego.net levamos xa varios anos catalogándoos sen parar e aínda imos nos preto de 10.000. É unha longa carreira de fondo. Alguén dirá: «Cantas fincas fastidian estes bens! Cantos lugares nos que non se pode edificar!». Crasa equivocación.

En realidade, o patrimonio cultural é unha enorme fonte de recursos e é moi doado de comprobar. Bens postos en valor como a catedral de Santiago, a muralla de Lugo, o castro de Baroña ou a torre de Hércules, entre outros, son inxentes fontes económicas. E alguén dirá: si, pero eses son espectaculares e moi bonitos e non a mámoa que teño na miña leira. E tamén estará trabucado.

Calquera que visite Irlanda, onde a maior parte dos bens arqueolóxicos son moi modestos e no rural non hai nin sequera casas vellas, decatarase de que aínda no noso patrimonio está todo o potencial por explotar. É un investimento do teu e do futuro dos teus fillos.