«Esta medalla dedícolla a Miguel Francesch e a toda a súa familia»

BARBANZA

MARCOS CREO

Unha lesión estivo preto de afastalo dos tatamis, pero a perseveranza levouno a Londres para morder outro oro

09 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Álex Vidal (Ribeira, 1981) non necesita carta de presentación. Os seus catro títulos de campión do mundo de parataekuondo falan por el. O último alzouno en Londres o pasado mes de outubro, despois de recuperarse dunha lesión no cartilaxe que estivo preto de obrigarlle a arroxar a toalla.

-¿Pensou en deixalo todo?

-Non foi fácil, é o principio dun final. A verdade é que é unha lesión que vai estar presente o resto da miña vida. Fíxome cavilar moitas cousas. Tiven momentos de dúbida onde pensei en parar.

-¿Que lle fixo cambiar de idea?

-Por sorte tiven a axuda de Luis Casais, ao que lle estou moi agradecido do traballo que fixo comigo. Marcoume unhas pautas, quitoume o traballo máis agresivo e díxome que coidándome e facendo uns adestramentos de calidade podía seguir. Hai veces que adestras catro horas e a metade son palla, agora fago uns 90 minutos, pero moi intensos.

-Conseguiu chegar a tempo para o mundial. ¿Síntese con forzas para continuar?

-A verdade é que agora mesmo, tanto fisicamente como persoalmente, estou nun momento moi alto. Polo de agora imos facer este ciclo olímpico, queremos chegar á paraolimpiada. Sabemos que é difícil, que só entran os 12 mellores. Se o conseguimos pensaremos se empezamos outro ciclo ou se profesionalmente é mellor rematar aquí.

-Esa última frase deixa entrever con claridade un adeus ao taekuondo despois de Tokio.

-Aos xogos, se consigo unha praza, chegaría con 38 anos. Unha vez aí tes que ver a forma física na que te atopas e as posibilidades de seguir. Se non acado unha praza, tería que ver as posibilidades de afrontar outros catro anos. Só se clasifica unha persoa por país e non será sinxelo.

-Volvendo ao pasado, ¿como viviu o mundial de Londres?

-Toda a xente do Natural asegurou que me saíu o torneo perfecto. Sabía que o nivel ía ser moi alto, xa que era o primeiro mundial do ciclo olímpico. Apareceron competidores novos que sorprenderon a todos. No primeiro combate enfronteime a un rival de Xapón; non o coñecía, pero tiven a sorte de poder velo na rolda anterior. Empecei con moita ansiedade e tiven que parar e calmarme, xa que me ía gañando. Ao final pasei a rolda e enfronteime a outro novato que lle gañara ao favorito. Sorprendeume, acababa de vencerlle ao número tres do mundo. Non entrei aos seus intercambios e fun rascando puntos. Na final, contra o francés, conseguín darlle a volta. En canto se veu por debaixo desbocouse e puiden sentenciar.

-¿É especial este ouro?

-Moito, esta medalla dedícolla a Miguel Francesch e a toda a súa familia. Foi un primo que sempre me apoiou. Teño centos de anécdotas con el. Puiden recuperarme grazas á súa xenerosidade. Acababa de operarme e deixoume o seu Compex para poder facer o tratamento de forma máis rápida. É unha máquina que custa moito, pero regalouma, díxome que me faría máis falta a min.

-Falemos da fin da súa etapa deportiva. ¿Cando chegue, cal será o seguinte paso?

-Gustaríame formar a rapaces na alta competición. Unha vez estás acostumado a adestrar é complicado saír. O meu obxectivo sería compaxinalo cun traballo do que eu estudei, que é administrativo. Xa estiven dous anos e síntome moi ben interactuando coa xente. É complicado facer as dúas cousas á vez, pero gustaríame comezar canto antes.

-¿Séntese un exemplo da loita contra a discriminación?

-Eu teño a sorte de que fago unha vida normal, pero está claro que os pais sobreprotexen aos fillos que teñen unha discapacidade. Sei que é difícil, que teñen medo, pero deben darlles autonomía. Na miña casa sempre ma deron, sempre me apoiaron para que seguira adiante.

-Entendo que o deporte foi clave para ser máis autónomo.

-Si, é fundamental. É igual se tes ou non unha discapacidade, xa non falo da alta competición, pero o deporte é clave para crear amizades, osixenar a cabeza e quitarte o estres do día a día. O deporte a nivel social é unha arma psicolóxica.

-Unha vez gañado o ouro, Ribeira implicouse contigo.

-Estou moi agradecido, pero sempre é igual, incluso cando perdo. A xente tenme un cariño que non sei en que momento o gañei -ri-. Foi incrible, o móbil botoume fume. Ribeira é espectacular, por iso sempre quixen seguir adestrando aquí, sabía que non me sentiría máis cómodo noutro lado.

-Hai varios casos de deportistas de elite que dan un paso ao lado.

-A xente moza ten moita presión, quere manter as súas marcas e é difícil. O maior medo é ter unha lesión importante. Saír dela é un camiño moi complicado e a veces tírase a toalla.