José Cándido Pérez García: O noiés que converte o ferro en arte

Uxía López Rodríguez
uxía lópez ROIS / LA VOZ

BARBANZA

merce ares

Ten a súa fragua instalada no municipio de Rois, onde moldea cada peza de forma totalmente artesanal, seguindo as técnicas dos seus antepasados

01 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai oficios que van camiño de desaparecer e un deles é o de José Cándido Pérez García, terceira xeración dunha familia de artesáns do ferro. Este veciño de Noia de 62 anos ten a súa fragua nunha nave situada no concello de Rois, concretamente no lugar do Martelo, onde instalou o seu negocio, que se chama Fraguar Forxa Artística, ao volver de Estados Unidos no ano 2001.

Entrar nesa nave é trasladarse a tempos pasados, cando as mans do home eran a única ferramenta para o traballo. José Cándido Pérez conserva e mesmo traballa con algunha ferramenta do seu avó e do seu pai, a quen considera o seu «gran mestre», para «traballar o ferro como se facía antigamente e facendo as cousas ben feitas», explica orgulloso do seu oficio.

O veciño de Noia conta que vai tendo traballo e non se queixa porque, asegura, «o ferro nunca pasa de moda» e as pezas de forxa seguen a ter demanda, aínda que «baixou moito porque tamén baixou a obra, pero o que quere unha cousiña de ferro ben feita e con gusto sabe a onde ten que ir», engade.

Na actualidade, as pezas que máis lle encargan son pasamáns para escaleiras, que fai de forma artesanal, mesmo os barrotes interiores. «Hoxe non se atopan moitos artesáns do ferro; é todo montaxe comercial, que compras e colocas pero non é da mesma calidade que o feito a man» e, ás veces, tampouco hai un deseño, asegura.

Martelos, pinzas... A súa zona de traballo é un fermoso mosaico de todo tipo de ferramenta para traballar o ferro, algunha delas feita ou adaptada por el mesmo, ademais da fragua na que prende o lume con carbón mineral para quentalo ferro e moldealo. «Para traballar ben o ferro de forma artesanal fai falla suar e tamén che ten que gustar», asegura José Cándido Pérez, que di que «no verán é duro, pero no inverno, compensa». Nos meses estivais, para non pasar tanta calor, aproveita as primeiras horas da mañá para traballar xunto ao lume e pola tarde revisa a labor.

Variedade e calidade

O traballo feito á man nótase en todo e o ferro non é unha excepción, de modo que hai pezas que parecen xoias, sen contar a variedade. José Cándido Pérez explica que, practicamente, se poden facer tantas pezas como ideas haxa. Pasamáns, lámpadas, farois, apliques, figuras... No seu taller traballan el e un empregado, e nun local de Noia ten unha exposición do seu traballo, que sempre realiza baixo pedido.

José Cándido Pérez explica que aprendeu co seu pai, ao que lle facía de martinete e ía cambiando de ferramenta conforme ía medrando. Di que mantén a forma tradicional de traballar, pero tamén que adquiriu «coñecementos novos» ao viaxar a Nova York, onde estivo uns 15 anos traballando tamén como artesán do ferro. Conta que este material é moi apreciado en Estados Unidos e que alí aos do seu oficio lle chaman artistas mentres que aquí que case non soa ben, di. O veciño de Noia tamén traballa o bronce, cobre, latón e en Nova York incluso o fixo co titanio.

«Ver un traballo feito en ferro acabado e colocado é unha satisfacción, pero velo anos despois aínda o é máis porque loce e está intacto», asegura. A experiencia é un grado e neste oficio máis, de modo que a el chégalle ver a cor do ferro para saber como vai o moldeado. Do seu bo facer saben moitos clientes e di que houbo un tempo no que algúns tiveron que agardar ata dous anos por un pasamáns da súa firma.

Quizais porque José Cándido Pérez recupera técnicas de vellos mestres, entre eles o seu pai e o seu avó, para realizar traballos artesanais de calidade e adaptados aos novos tempos.