Tres visións sobre Castelao confluirán en Artes

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Florencio Maíllo e José Fuentes prepararon dúas coleccións, que se sumarán ás estampas do libro «Sempre en Galiza»

29 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Leva o Museo do Gravado de Artes varios meses mergullado na preparación dunha gran homenaxe a un barbancés que constitúe unha das grandes figuras da arte e da literatura galegas: o rianxeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Verá a luz en forma de exposición a finais do vindeiro mes de novembro, pero os tesouros que a compoñerán xa están seleccionados. Trátase dunha serie de láminas que ofrecerán tres visións moi diversas sobre a figura de Castelao e a súa obra.

A sala un do edificio cultural de Artes permitiralle aos espectadores afondar no Sempre en Galiza, un ensaio político que está considerado a obra icónica do nacionalismo galego. Exhibirase un exemplar do volume, pertencente a unha edición única e limitada de 290 reproducións que veu a luz no ano 2004 da man de Producións Culturais Artesa.

Das paredes pendurarán as estampas que diferentes artistas galegos deseñaron para ilustrar esa obra. Leopoldo Nóvoa, Vidal Souto, Quintana Martelo, Correa Corredoira, Alfonso Costa, Fernández Freixanes, Berta Cáccamo, Menchu Lamas, Rodríguez Moldes, Alberto Datas, A. Patiño, Felipe Criado e Virxilio asinan os gravados, que foron rescatados para a ocasión dos fondos do propio museo ribeirense.

Edificios e cruceiros

Para completar a mostra, a fundación que se encarga da xestión do centro encargoulle a dous prestixiosos gravadores que ofreceran a súa visión sobre a obra de Castelao. Trátase de José Fuentes e Florencio Maíllo, dous catedráticos de Gravado da Universidade de Salamanca que xa coincidiron no museo de Artes a pasada primavera, coas coleccións Concertinas e Hortus conclusus.

Fuentes contribúe a esta proposta expositiva con 20 serigrafías dixitais de gran tamaño: «He procurado buscar aspectos muy diversos que reflejen la riqueza y variedad del pensamiento de Castelao». Sitúa de fondo diferentes edificios emblemáticos de Galicia e sobreponlle os debuxos do ilustrador rianxeiro. «Los inmuebles guardan una relación directa con el contenido expresado en las viñetas; es en la elección de cada edificio donde está una de las claves de mi propuesta», explica o autor.

Pola súa banda, Maíllo achegará a esta gran homenaxe a Castelao unha colección formada por medio cento de polípticos. Elixiu unha temática concreta: os cruceiros.

Préstamos en marcha

Aínda non se expuxeron, pero as coleccións de José Fuentes e Florencio Maíllo sobre a obra de Castelao xa están espertando interese. Segundo explicou o director do museo de Artes, Xoán Pastor Rodríguez, desde o Concello de Rianxo xa puxeron enriba da mesa a posibilidades de que os traballos destes gravadores viaxen á vila mariñeira nun futuro próximo.

O auditorio desta localidade dará cabida, a partir do día 10, a outra colección pertencente aos fondos da sala de Artes. Trátase de Entredous, obras feitas a medias por Alfonso Costa e Manuel Ayaso.