De ferreiro a artista reivindicativo

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

A defensa de Galicia está detrás de boa parte dos traballos do creador rianxeiro

28 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Castelao é a súa fonte de inspiración, e a defensa de Galicia, a súa prioridade cando se sitúa diante da fragua que ten no seu taller de Taragoña. El é Che Tembra, un ferreiro de profesión e artista de vocación que hai unha década decidiu cambiar reixas e cancelas por esculturas. As súas singulares e reivindicativas obras están nunha xira constante, que chegou a traspasar as fronteiras da comarca. Síntese querido e admirado na súa terra, onde ten un feixe de proxectos en marcha, pero recoñece que aínda lle falta deixar a súa pegada na Barbanza querida.

O Liceo de Noia é o último lugar onde requiriron a presenza do reivindicativo artista rianxeiro. Ata alí se foi con medio cento de obras, todas elas inspiradas en Castelao e nas súas orixinais viñetas: «El é o que guía os meus traballos», recoñece. As cincuenta esculturas que exhibe na vila noiesa constitúen só unha parte de todas ás que lle deu forma tomando como referencia o legado do autor de Sempre en Galiza: «Non as teño contabilizadas, pero pasan do cento seguro». Lembra que tamén a súa conversión de ferreiro a artista garda unha estreita relación co pai do galeguismo: «Empecei nisto da escultura facéndolle un Castelao para o meu xenro».

E a partir de entón xa non houbo volta atrás. Despois dunha viñeta chegou a seguinte, coma se dun círculo sen fin se tratara: «Penso que elixín a Castelao polas ideas reivindicativas que tiña, coas que sempre me sentín afín, por esas ansias de loitar polo no noso pobo». E como está convencido de que as teorías do literato seguen a estar de plena actualidade, Che Tembra continúa a renderlle a súa particular homenaxe, na que incluso incorpora obras de creación propia. Na colección que ten no Liceo noiés incluíu unha escena xurdida da súa invención sobre o nacemento do escritor: «Vese a igrexa de Rianxo, o Pazo do Martelo, o cruceiro e dúas mulleres rexoubando, comentando que Xaquina -a nai do escritor- acaba de parir».

Dúas espiñas cravadas

Valle-Inclán, Curros Enríquez e María Mariño foron outros dos escritores que o escultor de Taragoña inmortalizou a golpe de madeira e ferro, os materiais dos que nunca se separa: «Teñen que ser escritores con ideas de esquerdas, dos que queren e apoian a cultura». Aínda que a súa fragua funciona a pleno rendemento e os seus traballos non deixan de viaxar, ten dúas espiñas cravadas. Unha delas semella ter fácil solución: «Só me falta expoñer en Porto do Son e Lousame para ter todo Barbanza percorrido. Son dos que pensan que hai que empezar pola terra dun e despois, se xorde a oportunidade, abrirse ao mundo». A outra materia pendente antóllase máis difícil. Pasaría porque Tembra tivera a ocasión de deixar a súa gran pegada na comarca en forma dunha gran escultura. Pero o ferreiro pón unha condición: «Ten que ser unha obra reivindicativa ou con mensaxe». Sen tempo para pensalo moito, ocórreselle reproducir a silueta dunha muller soltando pombas, unha obra para reclamar a paz no mundo.

Mentres espera que chegue esa gran oportunidade, sexa no seu Rianxo natal ou en calquera outro municipio da comarca, Che Tembra ten outros retos. Un deles, reproducir o Guernica: «Quero esmerarme nesa obra, facer unha gran escultura de dous metros por 80 centímetros. Foi un reto que me expuxeron e decidín aceptalo. Penso que Picasso é máis doado que Castelao, xa que son todo rectas e curvas, pero tamén é certo que ao rianxeiro xa o teño moi trillado».

O mes que vén pretende poñer rumbo á Illa de Arousa e, máis adiante, á cidade de Pontevedra. Alí onde vaia, deixarase arroupar, coma sempre, polos seus compañeiros de Barbantia: «Quero achegar o meu grao de area para que a asociación siga medrando e se coñeza cada vez máis, dentro e fóra desta comarca. Son dos que pensan que hai que deixar a un lado os localismos e loitar unidos».