Rianxo foi o primeiro obxectivo do célebre desembarco viquingo

BARBANZA

MARCOS CREO

Xesús Santos desvelou un segredo gardado dende principios dos anos sesenta e as orixes da festa

29 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

No acto mensual de Barbantia, un dos socios fundacionais, Xesús Santos, foi o protagonista principal. Xa é ben sabido que cada último venres de mes xúntanse unha serie de factores que poñen á cultura á fronte da actualidade barbancesa, pero antonte produciuse esa confabulación que se dá ás veces para que un teña a sensación de atoparse noutro mundo, alleo ao que sucede por aí fóra.

Ben é certo que ao habitual encontro co suplemento A Voz de Barbantia, que acadaba o número 128; á música de Valentín Rial (ao saxofón) e Tano Domínguez (ao piano), ambos alumnos de jazz da Escola de Música de Rianxo, e á presentación do libro O viquingo converso, de Xesús Santos, engadiuse a peculiar esencia rianxeira para converteren o auditorio nunha agradable estancia na que tivemos a ocasión de descubrir que o célebre desembarco viquingo de Catoira tivo como primeiro obxectivo Rianxo, por iniciativa do farmacéutico Xosé Carnero Valenzuela, que foi de quen partiu a idea, pero finalmente instaurouse en Catoira, aínda que tamén por iniciativa dun creador desta beira da ría, o crego Faustino Rei Romero, detalles ambos os dous dos que deixou constancia Raimundo García Domínguez, Borobó, nunha das súas crónicas en La Noche, como detallou Santos.

Revelación final

Xesús Santos reservou para o final esa revelación, pero o rianxeiro tamén tivo moito que ver na posta en marcha da festa de interese internacional que se celebra cada primeiro domingo de agosto porque, de feito, segundo explicou, el mesmo, así como o académico Xosé Luís Axeitos, e o propio Faustino Rei Romero foron protagonistas do xermolo da celebración, a principios dos anos sesenta, cando decidiron pasar unha noite nas Torres do Oeste para, ao día seguinte, facer unha representación sobre o desembarco viquingo.

E é precisamente aquela noite de frío, fame e medo, porque, segundo explicou, daquela era máis dificultoso chegar ás torres, a orixe da obra O viquingo converso, escrita por Santos en formato teatro, e que se presentaba na cita de Barbantia en Rianxo, grazas ao esforzo do autor, pero tamén do Concello de Catoira, da Deputación de Pontevedra, da Escola Municipal de Teatro de Catoira, Xosé Comoxo e Epigmenio Arias, aos que Santos expresou a súa gratitude a viva voz.

Non estivo Santos só na posta de longo do libro. Arroupárono Mila Torrado e Xesús Laíño, en representación de Barbantia, e tamén o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños. Os dous primeiros dedicaron as súas intervencións á figura do autor, subliñando a súa achega vital ao mundo do teatro, con especial énfase no popular, xa que Santos estivo practicamente toda a súa vidas ligado ao mítico grupo Airiños de Asados, no que foi actor, pero tamén director e no que padeceu as dificultades propias daqueles tempos nos que a lingua galega incluso estaba prohibida nas representacións.

Adolfo Muíños gabou ao seu veciño Santos pola súa implicación coa cultura, pero tamén á actividade que desenvolve Barbantia e que é quen de manter acesa a chama da creación en toda a bisbarra, e destacou o milagre do suplemento A Voz de Barbantia. Rematou avogando porque a obra de teatro á que dea pé o libro se represente en Rianxo o vindeiro verán.