Vasalaxe que as veciñas de Baroña prestaban á Igrexa

SANTIAGO LLOVO TABOADA

BARBANZA

CEDIDA

O párroco tentou recuperar o servizo en 1776, e os fregueses rebeláronse

31 oct 2017 . Actualizado a las 14:36 h.

Corría o mes de outubro do «ano do Señor» de 1776 cando os fregueses da parroquia de San Pedro de Baroña, no concello de Porto do Son, rebeláronse contra o entón cura párroco porque tentaba recuperar un ancestral servizo de vasalaxe das mulleres da contorna. Aquela vasalaxe afectaba unicamente as mulleres da parroquia e consistía en prestar servizos persoais á Igrexa. Naquela obriga o «traballo» requirido era compoñer o liño de Décimo.

Malia que a forma máis común de pagamento do vasalaxe ao «señor» correspondente naqueles tempos era o diñeiro, tamén era normal a prestación en especie ou mesmo en servizos persoais. A prestación en especie podía consistir en gran, leña, gando…, e os servizos persoais, por exemplo, nunha prestación anual dun día de traballo. Nesta categoría é onde se pode incluír a mencionada vasalaxe do curato de Baroña.

Documento asinado

A existencia desa vasalaxe sabémola por unha escritura nominada Convenio que otorgaron los vecinos de la feligresía de San Pedro de Baroña, outorgada en Nebra ante un escribán do Son o 12 de outubro de 1776. O documento foi asinado por un total de 59 labregos veciños da contorna, todos homes. Da súa lectura podemos salientar o seguinte: (…) parecieron presentes, Benito de Calo (…) y dijeron: que don Josef González de Rivera, Cura Parracho actual de la feligresía de Baroña, en este presente año yntentó poner el uso y costumbre de que todas sus feligresas le havían de dar unos tantos días al año de Basallaje, a efecto de que le havían de componer el Lino de Diezmo y más que tuviese, para lo cual se balió de la Justicia de la villa de Noya (…) para defensa de esta pretensión se unieron los otorgantes para hacer entre todos algún dinero (…) y poner diferentes acciones a dicho cura (…).

Cobro externalizado

Non sabemos cal foi o resultado do litixio, pero, por outra escritura outorgada ao ano seguinte co probable obxectivo de evitar problemas cos veciños, o referido cura «externalizou» o cobro dunha parte importante dos décimos que estaba a cobrar.

O documento resúmese no seguinte: «En la casa rectoral de la feligresía de San Pedro de Baroña, a diez y siete días del mes de julio de 1777, ante mi (…) pareció el Bachiller en Leyes don Josef González de Rivera, Cura Parracho de este dicha feligresía y dijo: que desde oy dia (…) arrendaba a don Domingo Antonio Barreiro, vecino del Puerto del Son, feligresía de San Vicente de Noal, que está presente (…) todos los diezmos y primicias de trigo, zenteno, mijo grueso y menudo, lino, lana, zerdos y todo lo demás (…) con la reserva para el otorgante de los frutos que produjo y produjera la tierra que se trabaja para la casa de dicho otorgante, toda la paja así de zenteno como de trigo, como también reserva el diezmo de corderos que acostumbra a cobrar; cuio arriendo lo hace por término de dos años (…) correspondiendo por cada uno la cantidad de ocho mil ochocientos reales de vellón (…) .

Moito cambiou o conto, ou non tanto! Agora séguese acudindo a terceiras persoas para o cobro, por exemplo da contribución, aínda que son outros os que chuchan.