«Hai máquinas que levan cen anos no sitio»

a. novo / m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

Retrotrae aos visitantes ata a época de esplendor das minas, nos anos 40 e 50

27 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Se hai alguén que coñece ao detalle o pasado e o presente das minas de San Finx esa é Maite Sobradelo. Sendo mestra de educación para adultos no Concello de Lousame, entrou en contacto coa apaixonante historia dun lugar do que boa parte dos seus alumnos tiñan referencias por familiares que traballaran alí. A fonda investigación que fixo daquela sérvelle hoxe para guiar os visitantes que chegan ao complexo.

-¿A que época hai que remontarse para situar a orixe das minas?

-Hai vestixios de distintos tipos que nos levan a pensar que xa na prehistoria se explotaba o estaño de San Finx; vestixios toponímicos, pois cando os ingleses a finais do século XIX se instalan na zona fano nun anaco de monte que se chamaba Cova dos Mouros, ou a propia parroquia, que ten o nome de Vilacoba. Hai unha aldea ao lado que se chama Froxán, que na época era Forjano. Hai tamén vestixios de descabezamento de filóns a nivel superficial no monte, que están en fase de estudo. Logo, continúase coa explotación artesanal na Idade Media, neste caso, o estaño ía destinado aos traballos de ourivaría de Santiago. A explotación a nivel industrial comeza a finais do século XIX, cando se instala unha familia de enxeñeiros de minas chegada desde o Reino Unido. Fixeron prospeccións en distintos lugares e o mellor que atoparon foron as minas de San Finx, que foi onde se asentaron.

-¿Lousame era entón un punto estratéxico a nivel europeo?

-Foi un punto estratéxico. Unha vez que remata a etapa inglesa da explotación, coincidindo co inicio da Segunda Guerra Mundial, os alemáns descobren que engadíndolle volframio aos seus aceiros podía facer armas máis resistentes. Eles traían o volframio desde China, pero cando se corta o comercio, recorren a minas máis próximas, unha delas é a de San Finx, das máis importantes pola pureza do mineral. Como os aliados querían facerlle fronte, tamén recorren ás mesmas minas co fin de cortarlle o subministro aos alemáns. Iso desencadea unha alza nos prezos e provoca que haxa moita xente ao redor das explotacións, buscando pintas de volframio para vendelo de contrabando.

-¿Constituían tamén as minas unha fonte de riqueza para os veciños naquela época?

-Hai que pensar que acababa de rematar a Guerra Civil e a situación socioeconómica da xente que vivía na zona era lamentable. Era unha época de emigración cara América. As minas supuxeron unha pequena axuda para na economía familiar.

-¿Que pasou despois da guerra?

-Ata a guerra, a explotación era de estaño, estaba en mans inglesas. Rematada a guerra comeza a época do volframio e a mina pasa a mans de industrias galegas. É a época de maior auxe de explotación, durante os anos 40 e 50, logo os prezos foron baixando paulatinamente ata que nos 60 pechan algúns pozos. Vai en declive ata os anos 90, cando pecha a mina definitivamente, ata que a comezos do século XXI se fai o primeiro intento de poñela de novo en funcionamento.

-Naquela época de esplendor, ¿como era o entorno das minas de San Finx?

-Foi un lugar esplendoroso. Cando os ingleses se instalaron, construíron casas rodeadas de xardíns e mesmo de instalacións deportivas aquí descoñecidas, ata reconverteron un pequeno encoro en piscina. O entorno era ideal.

-¿Que elementos se conservan daquela época?

-Practicamente todo o que existe hoxe en día en pé é da época dos ingleses: os talleres mecánicos, os serradoiros, a casa dos compresores e o cuartel vello, que está reconvertido en cafetería restaurante e que foi un dos primeiros edificios construídos polos ingleses.

-¿Cando e como se pode visitar este complexo?

-Hai visitas guiadas durante todo o ano, pero teñen que ser programadas. Fanse visitas con grupos a partir de dez persoas, aos que lles explico todos eses aspectos da historia das minas, xunto con toda a implicación que ten este complexo, porque os mineiros de San Finx tiveron moitísima relevancia no que se refire ao sindicalismo en Galicia a comezos do século XX, cando se asociaban para reclamar melloras no traballo. Tamén se visitan elementos dos dous edificios que están musealizados. Hai máquinas, coma os compresores e os tornos, que levan cen anos no sitio; teñen gran importancia.

-¿Que é o que máis chama a atención dos visitantes?

-Gústalles ver que está restaurado o entorno e interésalles moito a historia. Tamén tocar os minerais, notar como a densidade do volframio fai que sexa moi pesado.