Santos regresa ás orixes do desembarco de Catoira en «O viquingo converso»

La Voz

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Sinala que este libro era unha vella aspiración e unha débeda que tiña pendente con Faustino Rey Romero

26 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Mañá • Auditorio de Rianxo • 21.00 horas • No ano 1962, o cura Faustino Rey Romero convidou a un grupo de amigos a pasar a noite nas Torres do Oeste. Deixándose inspirar pola máxica escuridade e por un pescador que durmía nun bote, o sacerdote de Isorna agasallou aos compañeiros de aventura cunha historia sobre unha imaxinaria invasión viquinga. Aquela foi a orixe do popular desembarco que cada primeiro domingo de agosto ten lugar en Catoira. Entre os membros daquela expedición estaba Xesús Santos, que recolle nun libro, O viquingo converso, a interesante historia, engadíndolle unha dose de ficción.

 

O escritor confesa que o lanzamento deste volume, cuxa presentación terá lugar mañá en Rianxo, era unha vella aspiración: «Tiña claro que debía facer algo sobre os viquingos e quería ademais saldar a débeda con Faustino Rey Romero, porque el foi o ideólogo daquela aventura». Santos define ao cura de Isorna como unha persoa moi enxeñosa: «Sempre estaba pensando o seguinte que ía facer, ideando novas historias».

Co que viviu aquela noite de 1962, o historiador de Rianxo confeccionou un texto teatral en tres actos: «Tanto o primeiro coma o terceiro adáptanse á realidade do que aconteceu ao pé das Torres do Oeste, mentres que o segundo é de ficción. É a historia fantástica do que aconteceu cando nos quedamos durmidos e chegaron os viquingos de verdade».

Xesús Santos ideou esta obra para ser representada e, de feito, aínda que o libro ve agora a luz, o texto xa foi levado a escena no marco da festa do desembarco de Catoira, cun elenco formado por máis de 70 actores: «O ideal é que esta peza sexa representada nas mesmas torres de Catoira ou nun espazo aberto».

Da man de Barbantia

Unha dos aventureiros que integraron aquel grupo que pasou a noite nas Torres do Oeste é o académico da RAG Xosé Luís Axeitos, que por aquel entón era un mozo que aínda non cumprira os 18 anos: «Tiven media liorta cos pais polo acontecido», lembra Xesús Santos. Mañá, o profesor e investigador estará arroupando ao autor de O viquingo converso no acto de presentación. Tamén está prevista a presenza do rexedor rianxeiro, Adolfo Muíños, e de Milagros Torrado, secretaria de Barbantia.

A asociación cultural está detrás da organización deste acto, no que a música correrá a cargo de Valentín Rial e Tano Domínguez, alumnos do departamento de jazz da escola de música local. Coincide coa saída á luz do suplemento número 128 de A Voz de Barbantia.