Rianxo veu nacer a Academia Galega de Teatro

La Voz

BARBANZA

MARCOS CREO

A entidade inicia a súa andaina co fin de ser punto de encontro de actores, poñer en valor a profesión e protexela

22 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O berce de Dieste e Castelao, dous escritores que teñen reservado un lugar privilexiado no panorama teatral galego, foi o lugar elixido polos impulsores da Academia Galega de Teatro para asinar a acta fundacional da entidade e presentala en sociedade. Onte, o auditorio de Rianxo era testemuña da posta en marcha dun colectivo que busca ser punto de encontro dos profesionais das táboas, espazo para o intercambio de experiencias, foro de debate... todo co fin de poñer en valor a profesión e protexela.

A actriz coruñesa Inma António foi a encargada de presentar estes e outros obxectivos da academia. Ela preside a comisión xestora que se fundou para poñer en marcha a entidade, da que forman parte profesionais vinculados ao Centro Dramático Galego, á Asociación de Actores e Actrices de Galicia e a outros colectivos vinculados ao mundo da interpretación. Explicou que a idea é dar un paso máis na normalización do teatro e insistiu na necesidade de que sumen a este proxecto o maior número posible de persoas.

O rexedor local, Adolfo Muíños, foi o que explicou a elección de Rianxo como escenario para a posta de largo da entidade: «Non podía ser outro lugar, xa que aquí naceron Dieste e Castelao, autores de obras tan destacadas como A fiestra valdeira e Os vellos non deben de namorarse». O alcalde mencionou tamén a Xosé Otero, un veciño de Taragoña que escribiu obras nos anos 20 en Bos Aires, e, como non, a Airiños: «Un grupo que recolle unha tradición que procede dos anos 30».

Adolfo Muíños agradeceu o protagonismo que o mundo teatral galego lle quixo dar onte a Rianxo e puxo a vila a disposición da nova academia, desexando que siga sendo no futuro escenario de asembleas e outras actividades.

Moitos rostros coñecidos

Entre as persoas que quixeron estar presentes no comezo da andaina da Academia Galega de Teatro había rostro coñecidos coma os dos actores Ernesto Chao e Miguel Pernas ou os dos directores Eduardo Alonso e Xulio Lago. Tamén acudiu Manuel Guede, que foi director do Centro Dramático Galego ata hai un par de anos.

Xesús Santos, en representación de Airiños; Helena Villar, da Real Academia Galega; e Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación, tamén estiveron no acto.