Os lazos rosas si que serven de moito

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez CRÓNICA CIUDADANA

BARBANZA

20 oct 2017 . Actualizado a las 05:05 h.

Onte, o que máis e o que menos luciu un lazo rosa no peito. As fotos de perfil das redes sociais pintáronse igualmente de rosa, e ilustracións, debuxos e mensaxes de apoio e recoñecemento ás (e aos) que loitan contra o cancro de mama rivalizaron en espazo nas publicacións dos muros de Facebook coas relacionadas coa traxedia dos incendios.

Pode ser que haxa a quen lle pareza unha frivolidade, que colgar un lazo da solapa non significa nada e que nada se logra con vestir de rosa por un día. Pero eu creo que si que vale de algo, visibiliza, pon baixo luz e taquígrafos unha enfermidade que non hai tanto era un tabú ?e polo tanto algo vergoñento? e crea conciencia. Case nada.

O cancro, o de mama ou o de calquera outro tipo, é a epidemia do século XXI. A calquera de nós lle pode tocar, sabémolo, ninguén está a salvo e iso dá un medo atroz. Todos o sufrimos de preto na familia, na propia, na do veciño ou na dos amigos máis achegados; e aquel que non vivira a experiencia de verlle a cara de preto pode considerarse infinitamente afortunado. E precisamente por esa razón, porque a inmensa maioría sabemos o que é esa enfermidade, non necesitamos un día que nos recorde que hai unha doenza silenciosa que nos ameaza a todos e que é preciso facerlle fronte. Non nos fai falta poñer un lazo porque o sabemos de sobra, porque cada día nos acordamos dos nosos, sobre todo dos que perderon a batalla, pero poñémolo igual.

Non, días coma o de onte non son para recordar aos que non están nin para lamentos. Xornadas así son útiles. Serven para poñer en valor a loita dos que o lograron, dos que conseguiron gañar e son un exemplo, sobre todo para os que agora se atopen na loita contra o cancro. Esas persoas son a esperanza, a mostra de que a ameaza da enfermidade non vai desaparecer, pero pódese vencer e seguir sorrindo. Son persoas valentes dispostas a continuar pelexando, a pesar do sufrido, nunha loita que é de toda a sociedade. E son tamén as voces máis autorizadas para chamar a atención sobre unha enfermidade que se pode curar, pero non o vai facer de maneira espontánea. Fan falta recursos para atopar a cura e, mentres non se consegue, para desenvolver novos tratamentos, menos agresivos para os pacientes e que melloren as taxas de supervivencia.

Poñer un lazo rosa visibiliza una doenza que, como dicía, non hai tanto era un tabú, e ese é o primeiro paso para crear conciencia sobre a prevención e a importancia do diagnóstico precoz. Iso non fai a un inmune, sábeno ben as mulleres que a pesar de someterse a controis periódicos acabaron padecendo cancro de mama, pero é fundamental para curar. Só por iso un lazo ten máis valor que moitos discursos.