Mangueira na man e demagoxia


Postos a teorizar sobre a quen benefician os incendios forestais, poñería nun lugar ben destacado aos políticos, porque aproveitan as vagas de lume para botarlle gasolina electoral ao partido gobernante, e non me fai falla referirme só ao que está a acontecer nestes días, porque non lembro ningunha catástrofe deste tipo na que non saíran uns reprobando aos outros, iso si, con discursos e xestos ben adornados para tocar a sensibilidade do cidadán=votante, mangueira na man ou demagoxia nos beizos.

O monte arde porque o queiman, xa o sabemos, non somos tan parvos nin nacemos onte, pero tamén porque non hai un verdadeiro interese en evitalo ou, polo menos, en minorar as consecuencias; se o houbese, traballaríase máis na prevención, e non me refiro só a unha xestión adecuada da foresta todo o ano, que tamén, senón evitando que os intereses espurios broten alimentados pola especulación e os beneficios económicos. Claro que si vivimos nun país no que a corrupción é endémica, pouca consideración podemos pedir para esa parte do noso territorio da que tanto presumimos, e, pola contra, está cada vez máis abandonada pola falla de oportunidades e incentivos que animen aos mozos a quedarse nela e explotala con criterios sustentables.

Ata agora, parecía que os responsables de queimar o monte eran a velliña que levaba un saco de piñas, o labrego ao que se lle escapaba unha queima, o operario ao que lle saltaba unha chispa da serra mecánica, o tolo do chisqueiro, o raio dunha tormenta, o curtocircuíto da rede eléctrica, o gandeiro para xerar pastos, os fragueiros, as madeireiras... pero, claro, dificilmente se poden poñer de acordo para prender lume por todos os currunchos, aproveitando que se dan as condicións propicias de humidade, vento e temperatura para espallar o incendio e causar o maior dano posible, como o que ocorreu estes últimos días.

Sendo conscientes de que unha das principais claves de que os incendios acaben en catástrofe é a facilidade para que se estendan as lapas, sexan intencionadas ou casuais, a Administración ten a obriga de actuar de escudo, tanto directamente como a través das comunidades de propietarios, dotándose de persoal que traballe todo o ano eliminando o monte raso, deixando espazos de seguridade entre árbores e fomentando a reforestación con especies autóctonas.

Paralelamente, debe esixir unha xestión eficaz aos colectivos concesionarios do monte baixo ameaza de perder a titularidade, eliminar calquera posibilidade de especular tanto co terreo como coa masa forestal afectada e incluso coa extinción, e, por suposto, promover un acordo político que exclúa os incendios do debate.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

Mangueira na man e demagoxia