Proxección e conferencia
Tralo paso dos membros do BNG pola ponte de Cans, tivo lugar no mesmo punto o segundo acto de homenaxe aos sonenses asasinados en 1916, cunha ofrenda floral e sen discursos, no que cada cal, veciños e familiares, manifestou os sentimentos que lle provoca cada 12 de outubro.
Previamente, houbo unha misa na memoria dos mártires de Nebra, e os actos completáronse coa proxección da curtametraxe Botellas e unha conferencia a cargo do historiador Francisco Leira coa que se pretendeu reparar a memoria, non só dos mortos en Cans, senón tamén dos represaliados. Falouse das agrupacións agrarias que xurdiron tralos acontecementos do 1916 e repasouse a traxectoria vital de medio cento de represaliados do municipio.