Antonio Piñeiro: «O suplemento foi a ventá para as voces que estaban latentes»

La Voz

BARBANZA

MARCOS CREO

Está convencido de que é un dos proxectos culturais máis importantes que existen en Galicia

13 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O ribeirense Antonio Piñeiro é un dos artífices de A Voz de Barbantia, o suplemento que cada último venres de mes ve a luz da man da asociación cultural Barbantia. Nestes intres está no mercado o quinto recompilatorio de dita publicación, o que recolle desde o número 101 ata o 125.

-¿Por que decidiu involucrarse neste proxecto?

-Porque o vin coma o primeiro acto social e cultural dun colectivo de gran alcance. Botaba en falla esa entidade que por fin despegaba como algo aberto.

-¿Que significado ten para vostede este suplemento?

-O suplemento foi a ventá para as voces que estaban latentes nunha comarca que é moi rica a nivel artístico e cultural. Chegou para poñer de relevo toda a actividade que había en estado de latencia, que por fin puido espertar.

-¿Que importancia lle concede a este recompilatorio?

-Este recompilatorio é a constatación dunha continuidade que se viña reafirmando número tras número. O propósito continúa en contra das dúbidas que había nun principio sobre a combinación de tantas voces. Penso que é un dos proxectos de maior envergadura dos que existen en Galicia a nivel cultural.

-¿Estará entón Barbantia nos libros de historia?

-Xa estamos na historia, porque Barbantia e o seu suplemento constitúen unha ventá para voces e autores moi importantes. Novelas e obras plásticas de gran relevancia en Galicia son de escritores e artistas que participan neste proxecto.

-A sección que coordina, «As letras da arte», ¿que busca?

-É unha oportunidade para comentar a obra plástica que se desenvolve en Barbanza.

-De todas colaboracións que leva realizado, ¿hai algunha obra ou algún autor que lle deixara unha pegada profunda?

-Son varios, pero destacaría tres nomes. Maralla, cunha última obra que me pareceu dun encanto e dunha profundidade especial. Antonio Pérez, coa súa traxectoria antropolóxica e múltiple. E Manuel Ayaso, porque a súa mística namora a calquera.

-¿É esta unha sección cunha longa vida por diante?

-É unha sección que non se esgota nunca, pois aparecen novas creacións de forma continua.

-¿Cambiaría algo do suplemento?

-Os contidos son perfectos, pero quizais ampliaría o tamaño da letra e lle concedería máis importancia ás imaxes.

-¿Que é o primeiro que le do suplemento cada último venres de mes?

-Recoñezo que me gusta moito a primeira páxina, sobre todo porque ás veces saen á luz aspectos dos personaxes que descoñecía e me chaman a atención.