Cans lembra aos seus mártires

La Voz

BARBANZA

MARCOS CREO

Os veciños de Nebra e o BNG lembrarán os tráxicos sucesos ocorridos hai 101 anos

12 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Local veciñal de Nebra (Porto do Son) • 16.00 horas • Hoxe cúmprense 101 anos dos tráxicos acontecementos ocorridos na ponte de Cans (Nebra), cando a concentración de 300 veciños por un embargo considerado inxusto rematou coa morte de cinco persoas a mans da Garda Civil. Os veciños do lugar organizaron, como ven sendo habitual, diversas actividades para lembrar aquel suceso e manter viva a memoria das vítimas. A primeira das propostas é a presentación dun novo traballo de Marisa Otero, Botellas. Trátase dunha curtametraxe gravada en Porto do Son, cuxo argumento xira ao redor de dous náufragos absurdos e de dúas botellas.

Logo collerá o relevo Francisco Leira Castiñeira, investigador da área de historia agraria e política do mundo rural da Universidade de Santiago de Compostela, que ofrecerá un relatorio baixo o título Formación e destrución da sociedade civil no Son; dos mártires de Cans ao golpe de Estado do 1936.

Estas dúas actividades levaranse a cabo no local veciñal de Nebra. Ao seu remate, os presentes desprazaranse á igrexa parroquial, onde se oficiará unha misa en memoria das vítimas. E antes da despedida, haberá un último e emotivo acto ao pé do monólito situado na ponte de Cans. Alí realizarase a tradicional ofrenda floral.

Hoxe • Ponte de Cans (Nebra, Porto do Son) • 18.00 horas • Os nacionalistas volverán a reunirse esta tarde en Cans para renderlle homenaxe ás vítimas. Realizarán unha ofrenda floral ao con da Marcha solemne do antigo reino de Galiza. Están previstas as intervencións de Santiago Suárez e de Xosé Deira.