O multitudinario pelotón ciclista de Boiro ponse en marcha

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Os participantes do Día da Bicicleta percorrerán un

08 oct 2017 . Actualizado a las 05:15 h.

Por fin chegou unha das xornadas deportivas máis agardadas en Boiro; o Día da Bicicleta. Ás 10.30 horas están citados todos os ciclistas que formarán parte do multitudinario pelotón que, a partir das 11.00, partirá desde a praza do Concello para percorrer a localidade gozando dun agradable paseo. Aínda que hoxe se sumarán moitas persoas antes de que comece a actividade, medio millar de boirenses xa realizaron a inscrición previa e, polo tanto, optarán a un dos moitos agasallos que se sortearán cando remate a ruta.

A bicicleta BMX de competición da marca Orbea, valorada en 899 euros e que aporta a tenda Daniel Ríos, é a xoia da coroa, pero non é o único artigo que se porá en xogo. Cascos, roupa e accesorios deportivos tamén entran na lista de premios grazas á colaboración de diferentes establecementos comerciais e empresas, entre as que se inclúe Jealsa, que doa lotes dos seus produtos.

Un circuíto de 14 quilómetros

O pelotón percorrerá un atractivo circuíto de, aproximadamente, 14 quilómetros. Partirá do centro do casco urbano de Boiro, punto ao que regresará tras pasar por Escarabote, Cabo de Cruz e Abanqueiro. Estes lugares servirán tamén para que os participantes volvan a reagruparse, e serán as zonas onde os deportistas poderán descansar as pernas. A organización estima que o percorrido poida completarse nunha hora e media, dúas como moito.

Na liña de meta, pais e nais de integrantes do Club Ciclista Oziona-Barbanza estarán preparados para recibir aos asistentes ao Día da Bicicleta con bocadillos e bebidas para repoñer as forzas gastadas durante a mañá.

Todos os implicados en que a xornada sexa un éxito esperan que os boirenses gocen desta festa da bici. «O primeiro que desexo é que asista moitísima xente, para intentar mellorar a cifra acadada nos últimos anos, e que participasen pais e nais en compañía dos seus fillos creo que sería importante,», afirma o rexedor de Boiro, Juan José Dieste, quen tamén admite que «por suposto, o principal é que todo transcorra sen incidentes». Nos mesmos termos exprésase o edil de Deportes, Nolo Romero, quen quere que «todo o mundo o pase ben, xa que para iso faise este día».