A meta, superar os 800 participantes na marcha boirense

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Os organizadores repartiron 3.000 folletos nos centros de ensino de primaria e secundaria e en diferentes puntos da localidade

06 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A conta atrás para a celebración do Día da Bicicleta de Boiro entra na súa recta final. O domingo, o gran pelotón de ciclistas tomará a saída, ás 11.00 horas desde a praza do Concello, para percorrer a localidade, e a organización ten a esperanza de bater nesta edición o récord de participantes. «As nosas previsións están en reunir entre 800 e 1.000 persoas», asegura Geno Rodríguez, técnico de Deportes boirense. Polo de agora a cousa vai ben encamiñada, xa que na casa da cultura non paran de recibir formularios de inscricións: «Continuamente chegan xente e correos electrónicos. Esta semana, practicamente, traballamos para esta cita».

Aínda que todo aquel que o desexe poderá sumarse á marcha o domingo antes de que comece, a organización aconsella que realicen a inscrición previa. O prazo remata hoxe, ás 12.00 horas, e tan só é necesario enviar un correo electrónico ao enderezo deportes@boiro.org co pertinente formulario cumprimentado ou entregar este documento na casa da cultura, situada na praza da Cachada. Unha das grandes vantaxes que ten anotarse con antelación é a posibilidade de participar nos sorteos que se realizarán cando remate a ruta.

Moita difusión

Os esforzos que fan todos os implicados na organización do Día da Bicicleta de Boiro non se reservan unicamente para a propia xornada. Comezan antes, cun gran traballo de difusión que favorece que a xornada sexa un éxito ano tras ano.

Neste sentido, Geno Rodríguez destaca os 3.000 folletos repartidos nos centros de ensinanza de primaria e secundaria do municipio. Ademais, estes tamén están ben visibles en instalacións deportivas, na páxina web do Concello, en locais comercias, na propia casa da cultura e en diferentes espazos ao aire libre.

Todas as persoas que participen na actividade contarán coa tranquilidade de dispoñer dun seguro que as cubrirá si chegásese a producir algún accidente, algo pouco habitual e que ninguén desexa. Para que non ocorra ningún incidente, despregarase un amplo operativo de seguridade no que participarán membros de, entre outros, Protección Civil, Garda Civil, Policía Local, Club Ciclista Oziona-Barbanza, a peña motera de Boiro e a tenda de bicicletas Daniel Ríos.

Por suposto, o uso do casco será obrigatorio para gozar dunha xornada que neste ano, atendendo ás previsións meteorolóxicas, non corre risco de suspenderse e ter que aprazarse.

Unha Orbea BMX de competición é o gran reclamo do sorteo

Cando o pelotón chegue á liña de meta o Día da Bicicleta aínda non haberá rematado. Quedará un dos momentos máis importantes, o sorteo dos agasallos. O gran reclamo é unha bici BMX de competición da marca Orbea, valorada en 899 euros, doada por a tenda de Daniel Ríos. Ademais, regalaranse cascos, material e accesorios deportivos e ata lotes de conservas da firma Jealsa.