«Conto con chegar aos mil suplementos»

La Voz

BARBANZA

MARCOSCREO

Milagros Torrado cualifica de triunfo o quinto recompilatorio que ven de sacar á luz a asociación e está seguro de que haberá moitos máis

05 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días vía a luz o quinto recompilatorio de A Voz de Barbantia. Aínda que a presentación do volume que agrupa desde o suplemento número 101 ata o 125 tivo lugar en Noia, calquera veciño pode facerse cun exemplar nos puntos de venda habituais de La Voz de Galicia. Detrás da publicación está, ademais do propio xornal, a asociación Barbantia. A súa secretaria, Milagros Torrado, fala do libro como un novo reto superado

-¿Que significado ten para vostede este recompilatorio?

-É un triunfo, sobre todo nos mundos que corren, nos que imperan as redes sociais, poñendo nunha difícil situación á prensa escrita. Chegar aos cinco recompilatorios, tal e como está tamén o eido da cultura, é para sentirnos moi orgullosos.

-Xa viu a luz ademais o suplemento número 127, ¿contaba con chegar ata aquí cando se sumou a este proxecto?

-Eu conto con chegar aos mil suplementos, ¿por que non? Se un proxecto como Barbantia comeza poñéndolle data de caducidade é mellor non empezar. Mentres a xente estea disposta hai que seguir.

-¿A que atribúe o éxito que ten esta publicación?

-Penso que somos un oasis para todos aqueles que están cansos da política e das redes sociais. Nós apostamos pola difusión da cultura e a cultura ten ese toque vintage que teñen os libros, ese aroma que só desprende o papel.

-¿Conseguiuse chegar a tódolos públicos?

-Iso é moi difícil. Penso que o importante é o feito de situar o suplemento, a través do xornal La Voz de Galicia, na maioría dos bares da comarca cada último venres de mes. Que a publicación estea na rúa e que sexa de doado acceso é o punto forte deste proxecto. Tamén destacaría a importancia que ten neste sentido a sección En obras, pois esperta o interese da xente nova da comarca, o colectivo ao que quizais é máis complicado chegar.

-¿Cal é nestes intres o gran reto que ten por diante Barbantia con relación a este suplemento cultural?

-Quizais sexa diversificar un pouco máis os contidos, pero para iso sería preciso atopar colaboradores, xente que estea interesada en sumarse e iso non sempre é doado.

-¿Introduciría cambios no esquema actual?

-Non, poida que xa levemos bastante tempo co mesmo suplemento, pero eu véxoo ben de momento.

-De tódolos contidos deste quinto recompilatorio, ¿destacaría algún?

-Se tivera que mencionar un, sería a sección En obras, xa que é a que nos vai descubrindo novos talentos, aos mozos que empezan a escribir. Tamén me gusta O fío de Ariadna, un espazo no que se comentan fotografías que quedaran esquecidas.