Santiago Freire: «A nosa obriga é chamar a todas as portas posibles e facer propostas»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez NOIA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O rexedor fixo un amplo repaso polos principais proxectos do futuro máis inmediato do municipio noiés

05 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A rexeneración da ría, a falta de persoal municipal e proxectos que están á vista no horizonte do 2018 son algunhas das cuestións nas que entrou o rexedor de Noia, Santiago Freire, diante dos micrófonos de RadioVoz na Cita co Concello, que cada mércores teñen os oíntes cos seus alcaldes para coñecer de primeira man a actualidade municipal.

-O primeiro é preguntarlle polo peche do marisqueo a causa da toxina, unha moi mala nova.

-É unha situación que lamentablemente se produce con certa frecuencia e esperamos que se corrixa o antes posible para poder retomar unha actividade que estaba discorrendo con normalidade e un importante volume de capturas.

-¿Hai excesiva dependencia do marisqueo polo seu peso específico na economía noiesa?

-É un factor moi importante na nosa vila e no contorno, favorece a moitas familias e ten unha incidencia importante na actividade económica, non só para as persoas vinculadas directamente ao marisqueo. É unha actividade moi sensible que, a diferenza doutras nas que os beneficiarios do recurso forman un ámbito reducido, está distribuída entre un volume moi importante da sociedade noiesa.

-Xa no ámbito municipal, un dos problemas que hai é a falta de persoal. No último pleno plantexouse a elaboración dun plan de emprego público, ¿é viable?

-Hai unha situación cunha importante cantidade de baixas laborais dentro do Concello, que en determinados momentos rozan as vinte persoas ao longo dun ano, e iso ten unha incidencia clara na prestación de servizos. Temos que apoiarnos en empresas externas para poder garantilos. Desde o concello estanse dando unha serie de pasos para poder corrixir esta situación.

-Ao que non está afectando esta situación é ás xestións que está a levar a cabo. ¿Que proxectos teñen entre mans?

-As xestións ante outras Administracións séguense facendo, a nosa obriga é chamar a todas as portas posibles e facer propostas. Con Costas falamos da solución para o adiantamento do malecón, da ampliación da glorieta da ponte do Campo de Noia e do dragado. Esta é unha das prioridades, sabemos que é un proxecto que se ten que desenvolver en varias anualidades. O obxectivo final é conseguir que a ría de Noia na zona máis próxima ao casco histórico ofreza unha imaxe mellor á actual. E que os traballos de limpeza e dragado teñan unha incidencia positiva en actividades coma o marisqueo. Entre os proxectos que serán unha realidade nos vindeiros meses está a construción dun novo polideportivo en Bergondo que dará servizo tanto aos usuarios do colexio Felipe de Castro como aos veciños do entorno, dado que os dous pavillóns municipais quedan escasos. Outra actuación que entendemos que vai ter unha repercusión importante na vila é a recente licitación da rehabilitación do edificio do Casino, que vai supoñer máis de 800.000 euros de investimento.

-¿Estase a traballar na elaboración dos novos orzamentos?

-É o reto que temos nos vindeiros meses, elaborar uns orzamentos que cremos que deben ter uns eixes fundamentais: un importante investimento orientado á rede de saneamento e depuración de augas residuais; hai que seguir apostando por edificios como o Casino, o Museo do Mar e outras actuacións na fábrica da Chaínza; hai unha serie de actuacións moi importantes na reparación de beirarrúas e accesos á vila; e seguir traballando la liña de regularización da situación económica para avanzar na mellora de parques infantís, mobiliario urbano e camiños rurais. Tamén se fará un importante investimento na praza de abastos.

-Falaba do edificio do Casino, que vai ser un dos puntos da conmemoración do 850 aniversario da vila no 2018, ¿hai xa algún acto previsto?

-Estanse facendo xestións con distintos organismos. Temos que agradecer a colaboración do EVA-10 porque están programadas unha serie de actividades orientadas a algún desfile e incluso exhibición por parte da brigada paracaidista. Tamén se manteñen contactos coa Casa Real para intentar se é posible a presenza dos reis en algunha das actividades. Acabamos de declarar o 9 de abril como festivo local, data na que coincide a declaración como vila, pero ao longo de todo o ano vai haber actividades que van tratar de poñer en valor esa efeméride. Un dos obxectivos é contar co edificio do Casino dada a súa singularidade e facer coincidir a súa inauguración co aniversario.