Longa vida para A Voz de Barbantia

Ramón Ares Noal
X. NOAL RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Cartea puxo ao pergamiño Vindel como exemplo do que lle pode ocorrer ao suplemento dentro de 700 anos

30 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A presentación do quinto recompilatorio de A Voz de Barbantia, previa á chegada ás librarías e quioscos da comarca, tivo a Noia como epicentro, onde, os protagonistas do acto coincidiron á hora de apostar porque o proxecto que conxuntamente emprenderon a Asociación Cultural Barbantia e La Voz de Galicia en xaneiro do 2005 teña longa vida, polo menos tanta como a que o presidente da entidade, Manuel Cartea, deixou sobre a mesa, ao comparar a publicación co pergamiño Vindel «que eran as cantigas de Martín Códax escritas nun papel, e hoxe son un tesouro».

«Eu desexaría que este recompilatorio, dentro de 700 anos, cinco de momento, aparecese en calquera biblioteca en papel, porque entón o soporte quizais non sexa este, nin sequera o dixital; como di ese slogan, non vai ser dixital, “lo siguiente”. Se dentro de 700 anos aparecen os recompilatorios como o que hoxe celebramos, ao mellor facémonos famosos», engadiu Cartea, quen aproveitou para instar aos dirixentes políticos a escoitar máis aos creadores: «Os artistas son o escaparate onde nos miramos, onde un pobo se mira, e máis aínda onde un pobo se admira, e isto é o importante», subliñou.

Pola súa banda, a vicepresidenta de Barbantia, Isabel Santos, fixo un repaso polas distintas seccións do suplemento, que cualificou de iniciativa común de oito concellos e algún máis «e esa pluralidade é a que lle da máis valor». Sinalou que a publicación é un proxecto artístico que engaiola nada máis abrilo coa habitual caricatura de Juan Carlos Abraldes.

Por parte de La Voz de Galicia, interveu o director do periódico, Xosé Luis Vilela, quen expresou a súa satisfacción por estar nun acto no que «xogamos na casa», polo apoio que Noia sempre brinda á cultura e porque abondan os fogares nos que entra La Voz de Galicia todos os días. Vilela quixo homenaxear a todas as persoas que, desde o ano 2005, están involucradas en A Voz de Barbantia, e engadiu que non lle estrañaba a calidade da escrita, tendo en conta que Barbanza é terra de creadores literarios como Rafael Dieste, Castelao, Avilés de Taramandos ou Antón Riveiro Coello.

Un reto

O director deste xornal expresou un reto ao propoñer que cando se chegue ao suplemento 130, se faga un esforzo para amplialo, tendo en conta que deixou de ser un meniño para converterse nun mozo. Tamén percorreu e valorou as distintas seccións de A Voz de Barbantia.

Pechou o acto o alcalde de Noia, Santiago Freire, aceptando a proposta de Manuel Cartea e convidando aos artistas que o desexen a facer as súas propostas para conseguir unha Noia mellor. De A Voz de Barbantia sinalou que é posible «grazas á implicación do periódico e unha serie de persoas que aportan o seu coñecementos para que os lectores participen deles».