Analicemos dúas expresións latinas, lex dura, sed lex, que herdamos do dereito romano, e si vis pacem, para bellum, unha máxima militar. As dúas son moi importantes para atallar no futuro o que non se soubo atallar no pasado con relación ás autonomías, como xa pasou en Euskadi, agora en Cataluña e Galicia á expectativa. Comezando polos dez mandamentos bíblicos, as nacións organizáronse mediante leis que, as máis delas, son duras e disuasivas, pero xa cos romanos -e antes deles- sabíase que para executalas precisábase dispoñer do uso da forza, algo no que os nosos gobernantes, dende a restauración democrática, non atinaron por certo complexo co réxime franquista.
Se calquera de vostedes ten a curiosidade de entrar no Boletín Oficial del Estado verá isto: «Felipe VI, Rey de España, A todos los que la presente vieren y entendieren. Sabed: Que las Cortes Generales han aprobado y yo vengo en sancionar la siguiente ley». Vexamos agora como se proclama unha lei en Cataluña: «Eth president dera Generalitat de Catalonha. Sigue notòri a toti es ciutadans qu’eth Parlament de Catalonha a aprovat e jo, en nòm deth Rei e d’acòrd tamb çò qu’establís er article 65 der Estatut d’autonomia de Catalonha, promulgui era següenta Lei». E así nas demais comunidades autónomas.
Isto, que é paradoxal e contraditorio, forma parte doutro dos nosos fallos na configuración territorial e na atribución de competencias, de tal xeito que o propio Estado aglutina menos poder real nas decisións máis importantes da vida cotiá, pero moito me temo que despois do 1-O aínda será peor, agás se gobernase Ciudadanos.