Noelia Riaño: «As terapias de estimulación son vitais para frear o avance do alzhéimer»

A. Novo / m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Insiste na importancia que ten a detección precoz no eido das demencias

25 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado xoves conmemorouse o Día Mundial de Alzhéimer, unha enfermidade que coñece ben Noelia Riaño. Ela dirixe o centro de día que, desde Ribeira, presta atención aos veciños que sofren esta ou outra demencia. Prevención, diagnose rápida e estimulación son palabras ás que lle concede vital importancia.

-Cando se fala de demencia, case todo o mundo relaciona o termo co alzhéimer, pero hai outras demencias...

-Suele ser un fallo moi común asociar demencia a alzhéimer e descoñecer que hai outros tipos de problemas similares, se ben é certo que, en ocasións, son afeccións con síntomas semellantes.

-¿Cales son eses síntomas que permiten identificar a enfermidade na primeira etapa?

-Os primeiros síntomas teñen que ver coa perda da memoria, pero hai moita variabilidade dentro do alzhéimer. O normal é que empece afectando á memoria a curto prazo e que o enfermo presente tamén dificultades para facer as tarefas da vida diaria, desde cociñar ata contar os cartos para pagar a compra. Despois, o habitual é que se vaian unindo problemas como a desorientación. A medida que avanza a patoloxía vanse agravando todos estes síntomas.

-¿Cales son os tratamentos máis frecuentes?

-Temos os tratamentos farmacolóxicos, pero a día de hoxe, esta enfermidade non ten cura. As terapias de estimulación cognitiva son vitais para tratar de frear o avance do alzhéimer.

-¿Que tipo de exercicios se realizan desde o centro de día?

-Facemos unha estimulación integral en tódalas áreas. Traballamos cuestións como a memoria e o cálculo a través de diferentes obradoiros e en función do deterioro cognitivo que teña cada usuario. Pódense abordar con terapias de orientación á realidade, estimulación cognitiva grupal, uso das novas tecnoloxías, programas específicos en ordenadores, arteterapia… Temos un gran abano de actividades.

-¿Diagnostícanse cada vez máis rápido os casos de demencia?

-Si, estase avanzando porque a poboación vai sendo consciente da necesidade e ao mínimo síntoma de alarma xa se asiste ao médico de cabeceira. Pero a prevención primaria é algo no que temos que seguir traballando, queda moito por facer nese eido.

-Non hai cura pero, ¿como se poden previr estas doenzas?

-Tan importante é ter un corpo atlético como facer actividade mental. O envellecemento activo sería primordial neste caso. Hai que manter unha vida activa a nivel físico e mental. Unha boa alimentación e a participación social son tamén piares básicos.

-¿Hai un determinado perfil máis susceptible de sufrir demencia?

-Hai unha serie de factores de risco. O principal, loxicamente, é a idade, pero tamén antecedentes de traumatismo cranial e incluso inflúe o nivel educativo. A hipertensión e a obesidade poden constituír tamén factores de risco para esta patoloxía.

-Na charla que ofreceu en Boiro acadou un cheo, ¿hai interese por coñecer a enfermidade?

-Si, as charlas espertan gran interese, sobre todo entre os familiares dos enfermos. Estas persoas necesitan axuda e sobre todo, moita información, fundamentalmente na primeira etapa.

-¿Que outras actividades hai en marcha?

-Unha delas é a función benéfica que terá lugar o domingo en Ribeira. Trátase da representación de Na butaca. O custe é de 5 euros e as entradas poden mercarse no centro de día.