La Voz de Galicia e Barbantia, xuntos de novo a prol da cultura

Presentarán na vila noiesa o quinto recompilatorio, que reúne os 25 últimos suplementos


Xoves • Casa de cultura de Noia • 20.30 horas • Co inicio do curso escolar regresa tamén a alianza que desde hai anos manteñen La Voz de Galicia e a asociación Barbantia a prol da cultura. No seu caso, a volta á actividade coincide coa presentación, en Noia, do quinto recompilatorio de A Voz de Barbantia, un volume publicado por este xornal que recolle os 25 últimos suplementos culturais que viron a luz da man da entidade. Trátase, en concreto, das publicacións que se sitúan entre a 101 e a 125.

O volume arranca cunha entrevista a Santi Páramo, activista cultural ribeirense, que asina o seu colega boirense Alberto García; para concluír coas preguntas que Xesús Laíño lle resposta a Manuel Cartea na pel dun lector insaciable. Entre as persoas que, ao longo das máis de cen páxinas coas que conta a obra, van debullando os seus proxectos, as súas traxectorias e mesmo as súas reflexións, atópanse o historiador José Álvarez Castrelo, o actor Quico Cadaval, os escultores Emilio Mariño e Roberto Filgueira, o artista Miguel Harguindey, o escritor Xosé Manuel Lobato, o xornalista e arqueólogo Manuel Gago, o autor de literatura fantástica Xosé Duncan, o pintor Paco Casal ou a criminóloga Rebeca Sevilla.

Unha hemeroteca que lembra importantes sucesos do pasado como a peste que houbo en Porto do Son a finais do século XVI ou a lenda da cidade asolagada de Valverde, reportaxes de temática medioambiental, críticas de arte e colaboracións de estudantes e novos escritores son outros contidos que poden atoparse neste volume.

Co director de La Voz

Á presentación deste quinto recompilatorio está prevista a asistencia do director de La Voz de Galicia, Xosé Luís Vilela Conde. Representando a Barbantia estarán o presidente e a vicepresidenta, Manuel Cartea e Isabel Santos; mentres que en nome do Concello noiés intervirán o alcalde, Santiago Freire Abeijón, e o concelleiro de Cultura, José Pérez.

Como veu acontecendo en citas anteriores, o acto servirá tamén de escaparate para os artistas da comarca. Nesta ocasión serán alumnos do conservatorio Felipe Paz Carbajal os que participen cunha intervención musical.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

La Voz de Galicia e Barbantia, xuntos de novo a prol da cultura