Xa queda menos para as festas da Guadalupe do ano que vén

Ramón Ares Noal
moncho ares RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

A Policía Local calcula que unhas 25.000 persoas se deron cita para vivir o peche festivo

17 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

As festas da Guadalupe transcenden o ámbito rianxeiro. Se os veciños as viven dun xeito que pouca xente allea acerta comprender, xa que nos oito días de duración un bo paisano de Castelao é quen de sacar tempo para gozar da programación, cada vez hai máis forasteiros que se poñen como obriga experimentar algún dos seus abondosos bos intres, xa sexa a procesión marítima coa Moreniña, as juadalupeñas, o Feirón Mariñeiro ou o espectacular peche: o multitudinario canto de A rianxeira, adornado por milleiros de bengalas.

Non defraudou o remate da edición do 2017, no que se deron cita, segundo a Policía Local, unhas 25.000 persoas. Pode que fosen menos que o ano pasado, ou pode que máis, porque é moi complicado cuantificar semellante aglomeración, pero iso é o de menos. O importante sempre é o que sucede ás dúas da madrugada da noite de peche, na que as emocións pálpanse.

Nin que os mozos desoian as peticións do gran Xixí e leven o botellón á praza, nin a seguridade forzada polos ataques terroristas, nin a aglomeración abafante, reforzada polo fume das bengalas e as charamuscas que soltan; nin que as orquestras non sexan quen de tomar o relevo da canción de forma continuada, evitando paradas; nin que se mesturen as versións da popular Ondiñas veñen... Nada impide que a Guadalupe estenda a súa maxia para despedir con honores unha das festas máis grandes de Galicia, que semellan non querer rematar, porque a verbena non chega ao seu fin ata, polo menos, as 8.30 horas do sábado.

Peticións de Xixí

Ramón Iglesias, Xixí, soporta o peso das celebracións, e cada ano, en cada despedida, acostuma pedir máis implicación dos mozos. Nesta ocasión, en forma de colaboración para afrontar o alto custe que teñen festas tan longas e tan cargadas de actividades, e, sobre todo, «moito coidadiño con coller os coches», incluso aconsellando que o mellor é que nin suban a eles. Pero como rianxeiro sabio que é, ten tamén agradecementos para a gran maioría dos rianxeiros que poñen todo o que poden para que a tradición herdada de seus pais teña continuidade no futuro.

Din os rianxeiros que o bo do final dunha Guadalupe é que xa queda menos para a do vindeiro ano, pero tamén hainos que recoñecen que xa non teñen corpo para tantos días de festa, e volta á bola co estéril debate, de se son moi longas, mais para comprobalo só fai falla ver o programa e preguntarse: ¿cantos días fan falta para repartir tantas e tan boas actividades?.