Cura e dinamizador turístico á vez

Alfonso Mera é o impulsor da Ruta de Auga e Sal, unha iniciativa que busca atraer visitantes


ribeira / la voz

Desde hai uns anos, Muros conta cunha iniciativa de carácter turístico denominada Ruta de Auga e Sal, un proxecto que persegue a promoción do municipio mediante a divulgación do patrimonio e dunha historia na que a pesca xoga un papel fundamental. Detrás deste ambicioso plan hai un grupo integrado por media ducia de veciños e liderado por Alfonso Mera, un cura namorado da terra na que se estableceu para desenvolver a súa profesión e convencido de que aquilo que se predica hai que tratar de aplicalo ao día a día na medida do posible.

Alfonso Mera chegou hai case unha década á vila de Muros, procedente dun pobo de Vedra. Coñecía a localidade como calquera outro visitante esporádico, pero non tardou en ser consciente da súa riqueza: «Cando me instalei aquí vin o impresionante e fermoso que era este pobo e tamén me decatei de que había moitos recursos que estaban sen explotar. Fun consciente de que había unha gran necesidade de recuperar o patrimonio e de potencialo; había que tratar de atraer aos forasteiros, pero tamén de conseguir que a xente da zona valorara todo o que tiña ao seu redor».

Lonxe de conformarse con transmitirlle esta idea aos seus fregueses, o párroco empezou a traballar, «con humildade e moitas dificultades», en Auga e Sal, unha idea da que comezou a falarse en Muros alá polo 2009, pero que non veu a luz ata hai catro anos. O eixo deste proxecto son as tres salas de exposicións que se crearon na colexiata e que lle amosan ao público elementos tanto relixiosos como históricos, todos eles vinculados ao carácter mariñeiro da localidade. A maiores, na antiga igrexa muradá, a que está xunto ao cemiterio que foi clausurado, abriuse un centro de interpretación, onde se fai un percorrido polo pasado do municipio, conectándoo coa actualidade.

 Os puntos fortes

Son varios os elementos que están chamando a atención dos visitantes. Alfonso Mera destaca unha pila de auga bendita que ten unha serpe no seu interior: «Hai xente que ven para ver esta peza, porque xa escoitou falar dela. Trátase dunha obra única no mundo». Os turistas tamén demandan subir á torre da colexiata para obter unha completa panorámica da vila e ver a imaxe tripla de Santa Ana. O párroco explica que tamén gusta un selo que se creou no marco deste proxecto: «Son peixes entrelazados, formando unha estrela. O obxectivo é afondar na vinculación entre a relixión e o mar».

Co paso do tempo e co labor de promoción feito, tanto en Internet como coa edición de dípticos, conseguiuse que Auga e Sal sexa hoxe en día unha iniciativa coñecida; pero Alfonso Mera está convencido de que o camiño a percorrer é longo: «Hai que ter en conta que esta idea está feita a partir de cero, polo que ten que seguir medrando. Hai un problema fundamental, que é o de carácter económico. Ao longo do verán houbo catro persoas traballando para que os visitantes tiveran ocasión de acceder ás salas de exposicións e tamén de facer rutas guiadas, pero loxicamente esta iniciativa non xera fondos suficientes para manter os museos abertos ao longo de todo o ano». Aínda así, será posible seguir mergullándose na historia salgada de Muros concertando unha cita.

O cura amósase disposto a seguir traballando para que os seus desexos expresados en verbas non se queden só entre as frías paredes da igrexa: «Cando predico falo da necesidade de axudar, de estar ao lado da xente, de crear emprego... Desde a parroquia cremos que se debe falar destas e doutras cousas, pero que tamén é posible implicarnos nelas. Se o que facemos serve para que a xente veña a Muros e coma ou consuma aquí, xerando riqueza, xa nos daremos por satisfeitos». Iso si, cando soña con Auga e Sal ve unha iniciativa de gran envergadura, coñecida máis alá das fronteiras comarcais: «Gustaríame que este proxecto chegara a ser grande, que non fora unha idea do cura, senón que fora de tódolos muradáns e que axudara a dinamizar o turismo na zona e tamén a estender lazos de unión no pobo. Crear postos de traballo e contar cunha rede de voluntariado son outros obxectivos que, aínda que difíciles de conseguir, están tamén na nosa mente».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
13 votos
Comentarios

Cura e dinamizador turístico á vez