Responsabilidade coa educación


Unha das maiores irresponsabilidades que pode cometer unha sociedade é alterar o normal desenvolvemento do sistema educativo, polo transcendental que resulta formar adecuadamente ás xeracións futuras. E tan irresponsable é unha Administración que pon patas arriba o sistema, arbitrando un cambio sen ter en conta aos que forman parte del, como aqueles que sendo integrantes non desempeñan as súas obrigas profesionais como deberan. Unha e outros deben ser conscientes de que a súa ineptitude pode ser de tal gravidade que cause un dano irreparable nos mozos que, pola culpa dunha mala praxe ou da adopción de acordos alleos á realidade social, se ven obrigados a enfrontar camiños formativos alleos á súa vocación ou aos seus desexos.

Tralo caótico e movido curso pasado, este que empeza precisa de máis tranquilidade, para que non volva pasar que, a falta de pouco máis de dous meses para a selectividade, nin os profesores nin os alumnos tiñan claro por onde ían ir os tiros. Iso, por poñer un exemplo do que pasou, despois desa especie de baile que ben podería marcar a pegañenta canción que di «un pasiño para adiante, e dous pasiños para atrás».

Nembargante, xa estamos a ver cousas asombrosas nestes primeiros días, como o que ocorre no colexio Santa Baia de Boiro, no que os nenos que empregan o banco de libros vense na obriga de utilizar manuais do ano 2009 con visos de non renovalos ata o 2020. No suposto de que a AMPA se equivocase deixando de concorrer á convocatoria para a renovación, cousa que eu discuto porque o seu argumento era de peso (¿para que imos mercar uns libros novos si entra en vigor unha lei educativa que vai cambiar os contidos e, consecuentemente, non valerán?), a Administración ten a obriga de velar por garantir unha educación de calidade e, polo tanto, debe intervir para que se cumpra ese obxectivo, e logo xa chegará o tempo das responsabilidades.

Probas hai polo mundo adiante de que as sociedades máis avanzadas acostuman ser tamén as que contan cos mellores sistemas educativos. Sendo así, un non se explica como é posible que non se actúe con rigorosidade para non só fornecelo, senón tamén para preservalo ante todo tipo de amezas que, non nos enganemos, tanto poden proceder da Administración correspondente como dos propios integrantes da comunidade educativa e, o que é máis grave, dos pais que lle quitamos a autoridade aos mestres por protexer máis da conta aos mozos, ou esixíndolles unhas funcións que lles son alleas, e que nos competen máis ben a nós. Temos a obriga de ser conscientes de que o mellor investimento que podemos facer é formar aos nosos fillos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos

Responsabilidade coa educación