Noia resucita a súa romaría popular

Despois de trinta anos esquecida, a festa regresou o luns ás marxes do río Tállara

.

Noia / La Voz

A parroquia noiesa de Argalo festexaba hai moitos anos unha multitudinaria romaría popular á que acudían gran parte dos veciños do concello e incluso xente de fóra do municipio. Era coñecida como a Romaría dos Zapateiros ou dos Comerciantes, e pouco a pouco foi esmorecendo ata desaparecer de todo na década dos oitenta. Sen embargo, desde hai un tempo «os veciños da Ponte de San Francisco temos una vella inquedanza, porque lembramos cando xeracións anteriores celebraban esta festa por todo o alto. Era a única romaría popular que tiña Noia, como o San Ramón de Bealo en Boiro», apuntou Julio Bustelo, presidente e fundador da asociación de veciños Virxe dos Remedios, e un dos membros da comisión organizadora desta festividade.

Para reunir máis información sobre esta comida popular incluso falaron cos comerciantes que aínda rexentan negocios familiares en Noia, «e todos eles lembraban perfectamente que pechaban o luns e ía comer toda a familia a carón do río Tállara levando a cesta da comida na cabeza. Así que finalmente decidímonos a recuperar a romaría dentro dos dous días de festa da Ponte de San Francisco, o segundo domingo e luns do mes de setembro».

O primeiro paso que deron foi falar cunha pulpeira para que se ocupase do menú e da intendencia, e que puxo como única condición que tiña que haber un mínimo de cincuenta comensais. «Pero foi un desborde, cando íamos polos 130 veciños anotados houbo que cortar porque a pulpeira non tiña capacidade para atendernos», afirmou Bustelo, que despois do éxito de convocatoria que tivo esta resucitada Romaría dos Zapateiros calcula que o ano que ven a cita congregará a un maior número de persoas, «porque o que non puido vir, quererá vir; e o que veu, tamén quererá repetir. De feito, a nosa intención é facer extensiva a invitación a todo o concello, non só aos veciños da parroquia».

Un dos motivos que tamén contribuíu á gran acollida que tivo a festa que se celebrou o pasado luns foi que o tempo acompañou e os participantes puideron disfrutar ao aire libre dunha comida popular onde non faltou a música, da man dos gaiteiros de Camboño, así como os xogos populares, con carreiras de sacos ou de ovos.

Procesión das Antorchas

A recuperación da Romaría dos Zapateiros non foi a única novidade que trouxo este ano a celebración das festas da Ponte de San Francisco, xa que os actos relixiosos tamén se modificaron coa chegada do novo párroco. «Como é habitual, a novena celebrouse todos os días ás sete e media da tarde, pero o sábado retrasouse ata as nove e media para que fora de noite e así poder facer una procesión iluminada con fachos, que xa quedou bautizada como a Procesión das Antorchas», recordou Julio Bustelo, que considera que esta nova marcha relixiosa será un distintivo máis dos festexos da Ponte de San Francisco, nos que tamén se contou coa actuación das orquestras Jerusalén, Bomba, Costa Oeste e Disco Móvil Chocolate.

Todo isto foi posible grazas a una comisión de festas formada por xente de todas as idades, e que cada un ten o seu cometido. Bustelo recoñeceu que hai traballo dabondo para todos, e mentres uns se encargan de ir pedindo casa por casa, outras reúnense cos comerciantes para facer o libro das festas, e outros contratan as orquestras. Tras o éxito que tiveron as celebracións deste ano, todos eles xa pensan nas próximas onde queren que a romaría volva recuperar o seu esplendor de antano.

Cando. As festas da Ponte de San Francisco celébranse o segundo domingo e luns do mes de setembro.

Onde. A Romaría dos Zapateiros festéxase a carón do río Tállara (tamén coñecido como Lobo).

Participantes. A comisión de festas contaba con xuntar a 50 persoas nesta comida popular, e finalmente tiveron que parar en 130 porque non había capacidade para servir a máis.

Votación
6 votos
Tags
Comentarios

Noia resucita a súa romaría popular