Irmandados por Rosalía, Castelao e polo acervo musical

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Rianxo e Padrón reforzaron novamente a súa simbólica unión cunhas ofrendas un tanto apresuradas

13 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

É inevitable mencionar a Rosalía de Castro e a Castelao cando se fala de Padrón e de Rianxo, e moito máis cando ámbolos dous concellos aparecen unidos nunha mesma frase que ten como pano de fondo a celebración do irmandamento entre eles. Os dous referentes do galeguismo son citados de forma recorrente polos responsables políticos como nexo común, igual que fixo onte o rexedor rianxeiro na recepción á corporación padronesa. A relación de confraternidade entre os dous pobos e incluso as referencias gastronómicas son outros argumentos que se empregan a miúdo para falar do nexo que os une, pero hai outro elemento que, aínda que evidente, case sempre se pasa por alto: o acervo musical.

De feito, as protagonistas secundarias dos actos que cada ano se repiten en Rianxo con motivo do Día de Padrón nas festas da Guadalupe son as súas bandas de música, que se van dando o relevo alternativamente para poñer banda sonora ás ofrendas ante os bustos de Rosalía e Castelao e ao percorrido que ambas corporacións fan pola vila. Tamén son as que poñen o punto e final á visita cun pequeno concerto ás portas da casa consistorial.

Onte, ademais, os músicos mostraron ter bos pulmóns para tocar e seguir o ritmo da comitiva, porque a ameaza de chuvia fixo que o paseo das autoridades pola vila se fixera de xeito un tanto apresurado. A máis de un custoulle seguir o percorrido desde a praza Castelao á de Padrón, e desde alí, aos xardíns da Ribeira, onte, despois de facer o propio con Rosalía, tocaba deixarlle unha coroa de loureiro «ao pai de Galicia», como o definiu máis tarde Adolfo Muíños.

 

Exemplo a seguir

Xa no salón de plenos, o mandatario rianxeiro aproveitou para felicitar tanto á fundación como ao Concello de Padrón polo labor que están a facer para colocar a figura de Rosalía no lugar que merece e «enriquecer de contidos a súa casa-museo, sodes exemplo do que debe facerse».

Logo, Muíños confesou que con cada nova tempada de pementos de Padrón, a corporación recibe un agasallo chegado directamente dos invernadoiros de Herbón, un detalle ao que correspondeu entregándolle ao seu homólogo, Antonio Fernández Angueira, unhas xoubiñas enlatadas baixo a marca Pájaro Pinto, en referencia «a unha das cancións populares máis emblemáticas e símbolo rianxeiro».

Pola súa parte, o mandatario padronés agradeceu a acollida en Rianxo porque «aquí sempre nos sentimos coma na casa» e emprazou á corporación local para a vindeira festa da Pascua.

Chega o día dedicado aos maiores da vila

Despois do desenfreo das Juadalupeñas -que, por certo, mereceu unha reprimenda por parte da comisión aos participantes na romaría polo lamentable estado en que quedou o parque da Martela, cheo de lixo- e dos actos institucionais de Padrón, hoxe chega o día dedicado aos maiores do municipio. Reuniranse ás 12.00 na igrexa para a misa e logo, ás 13.00 horas, poderán seguir o concerto da Banda Cultural de Arcade, que dará paso á sesión vermú a cargo da orquestra Pontevedra.

Será a partir das 15.00 horas cando comece o xantar de confraternidade dos maiores, que se vai celebrar no pazo de Rianxiño e que culminará con baile, a cargo do grupo De La Cruz Show.

Pola tarde, a partir das 19.00, a Charanga BB+ animará as rúas co pasabares, mentres que os cativos terán maxia, malabares e monicreques na praza da igrexa.

Pola noite, a orquestra rianxeira Gran Parada e Pontevedra amenizarán a verbena.