Miguel Lojo: «Creo que esta foi a mellor tempada de toda a nosa historia»

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

A bancada pobrense aínda ten que disputar a fase de ascenso á Liga ACT, que terá lugar esta fin de semana

13 sep 2017 . Actualizado a las 11:49 h.

O Club Remo Puebla leva uns cantos anos nos que non para de medrar. Pasiño a pasiño, o conxunto barbancés está a conseguir grandes logros deportivos, que fan que a entidade compita entre as mellores da disciplina, tanto a nivel autonómico como nacional. Nesta campaña, os seus seareiros recibiron moitas alegrías e ao equipo aínda lle queda un reto por diante esta fin de semana, cando viaxará ao País Vasco para disputar a fase de ascenso á Liga ACT.

-¿Como valora o ano?

-Creo que esta foi a mellor tempada de toda a nosa historia. Confiábamos en estar arriba vendo a nosa traxectoria nos últimos anos. Para iso preparámonos e adestramos ben. Considerábamos que poderíamos estar na pelexa pola competición autonómica e conseguímolo.

-Esta campaña lograron tres bandeiras e o segundo posto da Liga Galega de Traiñeiras. A súa filosofía de traballo din que é dar un paso máis cada ano. Neste caso, iso supón crear expectación na afección e aumentar o grado de esixencia ao equipo. ¿Significa presión ou ilusión?

-Máis ilusión que presión. Cando estás arriba sempre che gusta subir un pouco máis. Ao estar loitando pola liga é normal sentir o peso desa responsabilidade sobre os ombreiros. Os mesmos remeiros esíxense máis, pero bendita sexa esa presión. Despois, se pasa como nesta ocasión que ao final se che escapa o título, rematas un pouco desilusionado, pero é algo que se valora positivamente co tempo.

-Por segunda vez viuse á Carmela competindo na Bandeira da Concha. ¿Que sensación lles produce esa imaxe?

-Moita satisfacción. É a regata na que todo remeiro quere participar dende que é pequeno. Ademais baixamos o barco pola mítica rampla, o que fai o momento máis emocionante. Na competición, o longo de volta non nos saíu moi ben. Tamén é certo que nos falta experiencia nestas citas. O feito de viaxar é unha sensación nova ao non estar acostumados e hai que dicir que xa vas sabendo no teu interior que é imposible clasificarse para a final, aínda que os remeiros o dan todo. Neste caso hai que facelo o mellor posible e gozar da regata.

-¿Considera que foi un bo test para medir forzas cos rivais da fase de ascenso á Liga ACT?

-Se o foi, estamos moi lonxe de poder subir (ri). Pero moitas veces na Concha danse uns resultados que nada teñen que ver cos que se producen na fase de ascenso. Poden valer de referencia, pero non son de todo fiables. Na fase remas nunhas condicións diferentes. A Ares, por exemplo, gañámoslle dúas veces en Galicia, aínda que en mar o fan ben e en Bermeo seguramente a regata sexa no mar. Ademais, teñen unha traíña nova. Todo suma.

-Estaranse a preparar a conciencia para as regatas de Bermeo e Portugalete entón.

-Si, claro. Estamos indo ao río e a Aguiño para adestrarnos. No río para ver como é remar con correntes e a Aguiño para practicar en mar aberto.

-¿Cales son os dous equipos que ve como favoritos para ocupar as prazas que dan dereito ao ascenso?

-O que me gustaría é que fósemos a sorpresa. Creo que Samertolameu, que nas últimas regatas sacounos entre 15 e 20 segundos, e Donostiarra teñen opcións. A ver como chegan os de Meira despois de manter reunións para decidir se ían ou non á fase de ascenso. Iso pode afectar aos deportistas, xa que se están totalmente concentrados en subir de categoría pódeno facer.

-¿Que cree que marcará as diferenzas nas vindeiras probas?

-Santurce, que ten un gran equipo, conta cun patrón experimentado, que estivo en conxuntos como Kaiku e Urdaibai. Sabe o que ten que facer en campos como nos que competiremos. As decisións dos patróns van ter moito peso. Terán que saber ler ben as correntes. A experiencia vaise notar e nós somos os que menos temos. De feito, o noso líder non ten ningunha e vaise ter que guiar polo que lle digan Chiqui e Suso, que están cansos de remar alí e saben ben o que se poden atopar.

«Hai que ser constantes e, aínda que veñan mal dadas, continuar loitando»

 

 

O futuro preséntase alentador para o Club Remo Puebla, sempre e cando logre manter o bloque de deportistas que están levando á entidade ata o máis alto.

-Para seguir crecendo, supoño que intentarán que continúe a maioría do equipo.

-Esperamos que o noso proxecto poida seguir avanzando, porque fainos unha gran ilusión. Pero isto dá moitas voltas por non ser un deporte profesional. O traballo e aspectos persoais dos remeiros poden condicionar as cousas. A vida deles dirá se o equipo ten continuidade, porque nós non somos un club de fichaxes. O noso é tirar da canteira, aínda que hai xente de fóra que ve con bos ollos vir a remar aquí.

-E se pretenden que algún deportista queira vir ao Puebla hai que manter o nivel de resultados.

-Claro, os remeiros veñen cando as cousas van saíndo ben. E iso é algo que temos que aproveitar, porque as oportunidades, cando aparecen, non se poden deixar escapar. Un ano despois de subir á Liga A galega tiñamos un equipo moi xusto para saír ao mar, pero puidemos salvar a categoría e chegamos ata onde estamos agora. Hai que ser constantes e, aínda que veñan mal dadas, continuar loitando.

-¿Como ve o futuro?

-Temos un material inmellorable en banco fixo, polo que non hai nada que envexarlle a ninguén. Máis ben pode ser ao contrario. Tamén hai moitos rapaces nas categorías da base, coma na alevín e a infantil. É certo que en cadete e xuvenil andamos un pouco escasos de deportistas, pero é algo que pasa en tódolos sitios. Hai poucos conxuntos xuvenís porque é unha idade complicada. No remo, o sacrificio que fai o deportista é moi grande.