Marialoi Lozano: «Na moda cambian os deseños, pero as tendencias sempre son cíclicas»

A. parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

ANTÓN PARADA

A rianxeira tamén é colaboradora na nova programación de RadioVoz Barbanza

11 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Con tan só 8 anos, Marialoi Lozano Piñeiro (Rianxo, 1987) tiña moi claro cara onde encamiñaría os seus pasos laborais. Naquel momento era só unha nena que gardaba moreas de diminutos vestidos de bonecas, que sempre abraiaban ás súas amigas. Por aquel entón, súa nai abría Boutique Donaire, e a pequena xa tentaba elaborar as súas propias creacións coas que vestir ás mulleres de plástico. O que non sabía é que remataría facéndoo coas de verdade.

Na actualidade, Lozano converteuse en deseñadora e estilista, tras terse graduado, en Madrid, no prestixioso Istituto Europeo di Design, unha institución con sede en cidades como Barcelona, Milán, Florencia, Roma, Río de Janeiro ou São Paulo. Entre os seus traballos máis destacados atópase unha pioneira colección baseada no traxe rexional galego con trazos actuais. Ademais, a rianxeira estreouse como colaboradora na sección Todo moda de RadioVoz Barbanza.

A alma das tesoiras

«Na moda cambian os deseños, pero as tendencias son cíclicas». Cando Marialoi Lozano fai esta afirmación está a amosar o paradigma ou espírito que imbúe a cada proxecto ou traballo. Aínda que ao rematar os estudos se enfocou máis ao estilismo, a deseñadora pertence a ese reducido grupo de persoas que son quen de ver máis alá dunha simple prenda. Na súa mente xorden os patróns perfectos para cada cliente e con cada conxunto ábrese un abano de posibilidades de personalización. «Unha prenda pódese empregar para unha noite ou para saír á rúa segundo os complementos», explica.

Con 18 anos, tomou as rendas da tenda familiar e con 20 xa estaba na capital de España nutríndose das escenas de Gran Vía e Plaza España, extraendo ideas das distintas tribus urbanas. Alí a súa visión comercial e funcional sobre a moda chocou coa monumentalidade dos deseños actuais -ata reciben clase de escultura-, pero finalmente confluíron no seu campo predilecto, a alta costura. Mentres, volvía cada fin de semana a Rianxo para non perder contacto co negocio.

Nese centro europeo foi onde desenvolveu as súas primeiras coleccións. «Vin que deseñadores tan importantes como Christian Lacroix, Jean Paul Gaultier ou John Galiano bebían do folclore español e eu como bailara de pequena díxenme: ‘por que non beber eu desta fonte?’», esa é a explicación de cómo xurdiu a súa tese sobre o traxe rexional galego, unha colección de 20 deseños que requiriu dun proceso de investigación para levar a cabo unha descontextualización dese estilo, que a levou a, por exemplo, substituír o clásico terciopelo por tecidos como abelorios ou a organza de seda.

Tamén crearía outra colección de 40 deseños nunha proposta chamada Edición limitada de Marialoi Lozao para Giambattista Vali, enfocada a eventos de alta sociedade, que lle abriu as portas a participar en desfiles como o realizado na coruñesa sala Dux.

Vestindo as ondas

«Gústanme os vestidos que se poden poñer, non esa prenda de cola longa que só pos unha vez e gardas no armario», destaca Lozano da súa filosofía laboral. E parte desta irá chegando aos oíntes de RadioVoz Barbanza, a través de Todo moda, un espazo que nos primeiros programas propón aos oíntes a creación dun bo fondo de armario con prendas básicas das que se irán dando consellos sobre como combinalas.

Despois chegará a quenda de falar das tendencias actuais e o que pega forte en cada temporada, mais tamén haberá un oco para trucos e, por suposto, para unha sección de moda masculina.