Brais Sánchez: O guitarrista que engaiola a «heavies» e folcloristas

Paula Riveiro / M.G. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Toca actualmente en tres grupos, e con Gancho Sanches impulsou a música en lingua galega en Barcelona

03 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Brais Sánchez Barreiro (1988) non era máis que un adolescente cando comezou a interesarse polo traballo das bandas de heavy metal do momento. Xa daquela, as súas aspiracións ían lonxe e xunto cun grupo de amigos, co obxectivo de imitar aos que eran os seus referentes, decidiron dar un paso máis e ser eles mesmos os que tocasen as cancións que non deixaban de escoitar. Sánchez non saíu do camiño que naquel momento trazaron os seus soños e hoxe, despois de formarse no eido musical, converteuse nun camaleón da guitarra capaz de engaiolar aos públicos máis dispares, dende heavies a folcloristas, ademais de ver recompensado o seu traballo con algún que outro premio.

«Cando pensamos en facer un grupo, case todos queriamos tocar a guitarra», recorda Sánchez. Decidiron repartirse os instrumentos e a sorte fixo que o encomendasen ás cordas. Pouco a pouco, e tras moitas horas de dedicación, sacaron adiante a súa primeira banda, Percal, formada por un grupo de amigos noieses que se dedicaban a interpretar versións dos grupos de metal máis populares. Xa con 21 anos, outra banda local, Kertuler, que acababa de quedar sen guitarrista, chamouno para que o substituíse. Esa banda xa tiña algo máis de percorrido e foi coa que viviu por primeira vez a adrenalina de subir ao escenario dun festival que congrega a centos de espectadores.

Formación no eido musical

Nos primeiros anos a aprendizaxe foi autodidacta, máis tarde comezou a interesarse pola harmonía e a composición musical porque «xa non me chegaba con tocar os temas doutros», conta. Foi para Compostela, onde emprendeu a súa formación na escola de música Estudio. Alí recibiu clases de Álvaro Bieito, guitarrista de jazz, un estilo completamente distinto ao que el estaba afeito e que o levou a interesarse por outros ritmos e a abrir a mente no eido musical. Aquilo impulsouno a querer ir máis aló, e con 24 anos fixo a maleta e marchou a Barcelona para recibir clases no Taller de Músics.

Ademais de formarse, durante os anos que residiu na capital de Cataluña non cesaron as súas inquedanzas. Do heavy que escoitaba e interpretaba nos seus comezos, foi evolucionando cara estilos totalmente afastados. Xunto con outros dous rapaces galegos que xa tiñan unha traxectoria musical, Matías Unruh e Iván Olmedo, fundou Gancho Sanches, unha banda de phsych-folk que persegue un son propio dentro do folk. «Intentamos que sexa un grupo de contraste», indica Sánchez. Ao cabo dun par de anos sacaron adiante unha banda que, afincada en Barcelona, se caracteriza por facer temas en galego, e chegaron a gravar un disco. Este verán actuaron no segundo festival Focus Ireland Noia. «Para min foi un concerto moi bonito e especial para rematar o verán, xa que tiven a oportunidade de tocar na casa», confesa.

Forma parte tamén do grupo Espiño, un proxecto creado no ano 2016 por Alfonso Espiño que busca profundar no xénero pop, polo que nos seus temas se pode atopar unha mestura entre o pop art e o rock progresivo, con pinceladas de folk. Volveu arriscar Sánchez cun novo estilo que acabou dominando como o que máis. Con esta banda, gañou o segundo certame Galicia Creativa, organizado pola SGAE, e a súa recompensa foi gravar un disco.

O seu proxecto persoal

Pero o interese de Brais Sánchez por experimentar e marcarse novas metas non remataron aí: «Agora mesmo estou nunha época na que non sei por onde tirar, buscando algo diferente». As súas ambicións van máis alá e está inmerso noutro proxecto persoal, Braistalung. Comezou en solitario, pero agora ten outros dous aliados cos que xa está a darlle forma ás súas primeiras pezas, tras dun estilo no que asentarse. A súa idea é empezar a finais do inverno os ensaios para saír de xira o próximo verán.

De heavy a phsych-folk, pasando por pop. A súa traxectoria musical está marcada polos cambios no que a xéneros se refire, pero Brais Sánchez non se conforma. A súa pretensión é seguir aprendendo día a día para medrar como artista. El mesmo recoñece que nunca pensara en dedicarse á musica de forma profesional, e é algo que logrou con esforzo e paciencia e séntese afortunado de poder dicir que vive da súa paixón.