Jesús Antonio Places: Cambio de rumbo cara unha paixón

Paula Riveiro / A.G. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O veciño de Cabo de Cruz creou unha empresa para realizar rutas guiadas por mar

18 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai quen xa nace vinculado ao mar, tal e como lle pasou a Jesús Places, máis coñecido polos seus amigos como Jechu. Medrou a pé de praia, na localidade boirense de Cabo de Cruz, e está moi familiarizado coa náutica, xa que o traballo de seus pais sempre estivo relacionado co sector. Nunca antes se dedicara de maneira profesional á navegación, pero un inesperado cambio de rumbo levouno a exercer como patrón de rutas guiadas pola ría de Arousa para os visitantes que escollen a comarca para pasar as súas vacacións de verán.

Anteriormente traballaba na construción como xefe de obra, pero un problema de saúde apartouno deste ámbito, polo que tivo que pensar nunha alternativa. Foi nese momento no que decidiu embarcarse nun novo proxecto, dedicado ás rutas náuticas. «A miña idea era ter un pequeno barco de batea, pero vin que no turismo podía haber futuro», afirma Places. Construíu unha embarcación de recreo para levar pasaxeiros e mostrarlles aos visitantes o encanto da costa que o veu medrar e poñer en valor o labor do sector pesqueiro e mariñeiro. Á embarcación púxolle como nome Píllara, facendo alusión ás aves en perigo de extinción que habitan en algunhas praias da comarca.

A miña idea era ter un pequeno barco de batea, pero vin que no turismo podía haber futuro»

Comezar non lle foi sinxelo, xa que antes de soltar amarras tivo que obter todas as titulacións que se requiren para navegar. Tamén se informou sobre as diversas artes de marisqueo, porque ademais de exercer como patrón, tamén fai de guía. A súa andadura empezou este verán, polo que aínda se está dando a coñecer. «Os primeiros días non me chamaba ninguén e estaba preocupado, pero agora en agosto aumentou moito o traballo», recoñece Places. Xullo coincidiu cun descenso dos visitantes no municipio con respecto ao mesmo período do ano pasado, pero a comezos deste mes o aumento de turistas foi moi notorio.

Pluralidade de opcións

«Fago varias rutas guiadas, pero a máis demandada é a do mexillón e marisqueo». Para facer estes itinerarios os tripulantes soben a bordo ás once da mañá no náutico de Escarabote ou no porto de Cabo de Cruz. A primeira parada faise nunha batea na que se está traballando. Alí, Jesús ensínalles os barcos e explícalles todo o proceso de cría do molusco. Tamén fan unha visita aos mariscadores cando están a faenar. Deste xeito, os visitantes teñen oportunidade de tocar os aparellos e o bivalvo e «sempre hai alguén que colabora e lles explica os labores que están a desenvolver».

O percorrido continúa cunha visita polo litoral da ría de Arousa e unha parada nunha depuradora. Logo volven a terra para visitar a lonxa de Cabo de Cruz e ver como se comercializa o marisco. Por último, e para repoñer forzas despois de toda unha mañá de navegación, os visitantes teñen a oportunidade de degustar os mexillóns cociñados ao vapor nun local do porto. «Todo isto non sería posible sen a axuda de profesionais e das institucións». Porque, para abarcar todo o que lles ensina, conta co apoio de coñecidos que lle botan un cabo para que as visitas sexan o máis completas posible.

É o primeiro verán que fai estas rutas, pero neste mes está saíndo a navegar case todos os días. Polas mañás o percorrido do mexillón é o que máis atrae aos visitantes, mentres que polas tardes é a travesía pola ría a que ten máis adeptos. Jechu comenta que está moi contento con este cambio de rumbo na súa profesión e que «a xente é encantadora e estou facendo o que máis me gusta. É un traballo moi reconfortante».