17 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Un recente estudo sinala o incremento dos tumores cerebrais en Galicia, e apunta ao radon como culpable, tamén como segunda causa de cancro de pulmón, tralo tabaco. Para quen non o sabe, o radon é un gas radioactivo ?orixinado pola descomposición do radio? que está presente na pedra, e en Galicia convivimos con ela.

Levamos miles de anos vivindo entre a pedra, pero nunca convivimos dentro dela, porque as casas tradicionais (seguramente sen sabelo) estaban pensadas para liberar o aire viciado do interior. Entre piso e piso había madeira, as xanelas e portas eran de madeira e o tellado era todo el de madeira, permeable e favorecendo sempre a ventilación interior. Pero levamos cincuenta anos construíndo vivendas estancas, con formigón entre piso e piso, con placas de cemento no tellado, con xanelas e portas herméticas de plástico ou aluminio, e o radon quédase a convivir con nós, porque non lle permitimos que saia ao exterior.

Para colmo, a ventilación cruzada das vivendas non é unha materia que estudemos, nin pensamos nela, pasamos gran parte do día coas xanelas pechadas e todo o gas que entra, quédase con nós. A Unión Europea xa estuda tomar medidas, a partir de 2018, para evitar o alto índice de mortalidade por culpa do gas letal co que convivimos a diario.

Igual non é preciso deseñar complexos sistemas de evacuación do gas viciado, senón usar o sentidiño e a experiencia dos que levaban moitos anos vivindo en casas de pedra, pero sobre todo, de madeira. Igual basta con volver a utilizar a madeira como material básico, e deixar de fabricas caixas estancas, mortais.