Unha vida ligada á arte e ao mar

Carmen Fernández / m.x.b. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Antonio Pérez vén de inaugurar na Pobra unha exposición formada polos seus últimos traballos

14 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Para obter bos resultados nun traballo non é bo deixar as cousas ao azar. O talento sen esforzo non é unha boa combinación se se quere facer algo a longo prazo. Antonio Pérez, pintor ribeirense, engade a estes ingredientes «paixón, intensidade e tempo. Para que frutifiquen as cousas hai que traballar e traballar». Tamén é dos que pensa que «o talento innato haino que traballar, ser constantes, senón non hai bos resultados». El é o reflexo das súas propias verbas. Fai uns días inaugurou na casa de cultura Raquel Fernández Soler, na Pobra do Caramiñal, a exposición Aguadas e pasteis. Formada por 45 obras, é o traballo desenvolvido ao longo dun ano. «A maioría dos cadros realiceinos no 2016, pero tamén hai pezas deste ano», conta Pérez.

Desta vez, o artista quixo engadir obras elaboradas cunha técnica diferente ás que usa habitualmente, o pastel. «É unha técnica seca que non adoito usar moito porque é bastante sucia. Tamén é unha técnica moi volátil, polo que hai que fixala con verniz», explica. Pero non é a única novidade que introduce na exposición. Nos 25 cadros realizados seguindo a técnica do pastel, a temática imperante é «de homenaxe ao folclore galego. Están representados gaiteiros, pandereteiras... Era un tema que tiña pendente», explica o pintor. As outras 20 pezas, pintadas seguindo a técnica da aguada, teñen outros protagonistas. «O tema que seguen estas obras está máis relacionado coa indixencia. Aparecen tamén nenos e anciáns», comenta Pérez.

Todo ten a súa razón de ser para o ribeirense, por iso tiña claro dende o primeiro paso destas obras, que o seu trasfondo, o que quere recalcar coas pinturas, é a tradición, a súa importancia na vida das persoas. «A tradición é a mellor forma de identificar a unha cultura, a un pobo. Que non só a vida é o teléfono móbil, que é o que impera hoxe en día», sinala.

Vida dedicada á pintura

O seu amor pola arte vén dende pequeno, coma di el, «dende sempre, practicamente dende que nacín». Para Pérez, a arte é «unha paixón que te arrastra, que te leva, que te ten pendente do que fas ou do que non». Como todo artista, ten un tema ao que está ligado sempre. No seu caso, o mar copa preto «do 90 % da miña obra», e ten unha razón: é capitán de pesca. Cando era mozo, estivo traballando 5 anos na ría, co seu pai e despois marchou a estudar, e ao rematar navegou durante outros 10 en Sudáfrica. «Queiras que non, cando te pos a pintar sáenche as vivencias e os recordos. Afloran os sentimentos, e a min o que sempre me sae é o mar porque é onde máis tempo estiven. Sáeme sen querer», apunta Antonio Pérez.

Outro signo identificador da súa obra é o estilo co que realiza as pezas. Defínese a si mesmo coma un pintor «costumista», ao que non lle preocupan moito as vangardas nin facer cousas moi modernas xa que «non me saen de dentro». A través da pintura, dos seus cadros, o ribeirense representa a súa maneira de ser, a súa alma, os seus sentimentos. «É un estilo persoal, trato de conservar unha forma de pintar que se recoñeza. Que ao ver as pinturas a xente saiba que son de Antonio. Que as identifiquen polos trazos, pola temática, polas cores», conta o artista.

Á hora de traballar, Pérez non leva a conta do tempo investido en cada cadro. Un dos factores que determina o tempo é «se a obra se realiza en papel, en óleo...», pero ademais engade que «na maioría dos casos non hai forma de medilo, nin é recomendable. Non estás pendente da hora, nin do tempo total que te leva». De cara ao futuro, o creador ribeirense ten algúns proxectos pendentes, pero aínda ten que darlles forma. O que si ten claro é que quere repetir coa técnica dos pasteis.