Os nosos madrileños

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez CRÓNICA

BARBANZA

09 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Non sei que pasaba noutros pobos, pero hai anos en Rianxo -na vila, claro, os que somos das parroquias non chegábamos a tanto- cada familia tiña aos seus propios madrileños. Si, eran seus e de ninguén máis. E eu, que nunca tal oíra, escoitaba pasmada as (para min) simpáticas conversas entre as miñas amigas interesándose polos seus respectivos madrileños, por cando viñan, que tal a viaxe e cando marchaban. Naqueles tempos a cousa era así: había familias da Meseta que ano tras ano pasaban as vacacións en Rianxo e, invariablemente, hospedábanse na mesma casa. Sempre. E a relación acababa por ser tan estreita que os de aquí e os de alá se trataban coa mesma familiaridade ca se estiveran unidos por lazos de sangue.

Pero esa época, que non está tan afastada no tempo como podería parecer, acabou. De feito, houbo un momento no que os madrileños deixaron de acudir á vila coa mesma frecuencia e as estadías víronse acurtadas. Durante uns cantos veráns a crise fixo que o acento castelán estivera moito menos presente nas terrazas dos locais hostaleiros do que estabamos afeitos. A estas alturas parece que a cousa se está recuperando e nas últimas semanas vense pola vila moitas caras descoñecidas, non obstante, os «nosos» madrileños non volverán. Agora non chega con estar aí coas portas abertas para facer o agosto á conta dos turistas sen ofrecer nada a cambio e agardar que a comarca se venda soa.

Por fortuna, parece que os concellos da bisbarra están comezando a ser conscientes diso e están tomando medidas ao respecto, programando actividades a diario para que veciños e visitantes teñan escusas de sobra para saír á rúa -porque, ao fin e ao cabo, a xente é vida para un pobo- e tomando en serio iso que chaman promoción turística.

O último exemplo é o do xeodestino Ría da Estrela. Se ben en Arousa norte hai tempo que os concellos uniron os seus camiños para ir pola man na promoción da zona, en Muros-Noia non ocorría o mesmo ata hai ben pouco. E cómpre seguir mellorando.

Igual algún deses madrileños que nos visitaban de cativos e que hai anos que non pisan estas latitudes volven namorar da comarca.