«Esperamos crear un documento de memoria histórica para o pobo»

Antón parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Duarte Galbán e Román Castaño analizaron a creación desta cinta que durou un ano

17 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta noite, pasadas as nove e media, a rianxeira praza de Rafael Dieste acollerá a estrea da cinta Cousas de Rianxo, un documental encargado pola comisión de festas da Virxe do Carme e que foi elaborado polos profesionais locais do audiovisual Román Castaño e Duarte Galbán. Un dúo coñecido pola súa webserie, Gafas e Pallaso, que obtivera unha nominación aos Premios Mestre Mateo do 2016. O seu último traballo supón o debut deste dúo na longametraxe, cunha cinta que está chamada a converterse en legado fílmico para a historia do pobo rianxeiro.

Aínda que a rodaxe de Cousas de Rianxo durou cinco días, o traballo e o esforzo que se ocultan tras esta película abrangue un período de preto dun ano, no que a labor de documentación foi esencial. «De levar toda a vida en Rianxo, había mil historias que non coñecíamos, decatámonos de que estas son as que lle dan personalidade a Rianxo», explicou Duarte Galbán do que comezara cun proxecto enfocado na comisión das festas do Virxe do Carme e que rematou por converterse en algo máis ambicioso. «Tocamos moitos paus esenciais, dende o Carme e a Guadalupe aos deportes tradicionais de Rianxo e á xente do mar», precisou Román Castaño.

Obxectivo social

«Esperamos crear un documento de memoria histórica para o pobo», revelou Castaño, do que quere ser un regalo que devolverlle á sociedade rianxeira que sempre os apoiou, para engadir que «dentro de 20 anos, cando se volva a ver a película, os testemuños de veciños non caian no esquecemento».

O proceso de elaboración do documental tamén supón unha madureza na traxectoria profesional dos seus autores, coa inclusión de tomas aéreas capturadas a través do uso de drons, a participación dun equipo de maiores dimensións e materiais máis avanzados.

«A rodaxe parte dun formato tradicional, pero tentamos conseguir tomas e imaxes que ninguén capturara antes», puntualizou Galbán. Por ese motivo, entre os escenarios que se verán en Cousas de Rianxo predominarán os exteriores, nos que se recollen paisaxes de mar, terra, monte e cidade, e por suposto, moitas das parroquias do municipio: «Asados tamén é Rianxo, Taragoña tamén é Rianxo...», destacou Galbán da importancia de chegar a todos os veciños.

Actos de presentación

Por outra parte, a cinta conta cunha hora e vinte de banda sonora orixinal, composta polo músico rianxeiro Antón Alcalde, que tamén formara parte do grupo de traballo en Gafas e Pallaso.

Un dos grandes actos que precederá á estrea desta noite trátase da presentación da cinta, na que Román e Duarte teñen preparada unha animación teatral que ilustrará varios dos temas que se narran no documental. Ademais, a rianxeira Noelia Gómez recitará unha poesía que preparou para ocasión.

Ata o momento, o contido deste proxecto audiovisual foi tratado no máis estrito segredo e silencio mediático. Sen embargo, os autores deron unha pista ao afirmar que en Cousas de Rianxo se prestará especial atención a persoas chegadas de fóra da vila que despois se converteron en indispensables para ela.

Só queda esperar unhas horas ata a caída do pano.