Do Polo Sur ao Polo Norte

xurxo gago ÁRTICO / E. LA VOZ

BARBANZA

Stein-Rune Karlsen

O científico pobrense cambia, cinco meses despois, a Antártida pola cidade máis ao norte do mundo, Longyearbyen, onde deberá sobrepoñerse aos osos polares e ao frío

24 jul 2017 . Actualizado a las 21:32 h.

Diario dun barbancés no Ártico: Capítulo un

Cinco meses despois da campaña de investigación na Antártida volvemos a facer maletas, embalar equipos científicos e todo o material de laboratorio que necesitamos para a nosa próxima campaña: o Ártico nas illas Svalbard (Noruega). O Polo Sur e o Polo Norte, a Antártida e o Ártico respectivamente, en aparencia dous desertos conxelados, non poderían ser máis diferentes entre si.

A Antártida é o último continente salvaxe (onde só recentemente hai presenza estable humana) illado polos vastos océanos, namentres que o Ártico non é un continente senón un océano conxelado con numerosas illas ao redor, que á súa vez están rodeadas por continentes. Outra diferenza importante é que a Antártida é moito máis fría que o Ártico. Todos estes factores fan que haxa un maior número de especies de flora e fauna no Ártico que na Antártida. Por exemplo, na Antártida só hai dúas especies de plantas superiores ¡mentres que no Ártico hai máis de 100! No Ártico non atoparemos aos simpáticos pingüíns pero si osos polares, morsas e renos que non viven na Antártida.

Stein-Rune Karlsen

Esta maior biodiversidade no Ártico é para o noso grupo de investigación da Universidade das Illas Baleares moi interesante. Estamos a estudar plantas que son capaces de sobrevivir nos ambientes máis extremos do planeta, tentando entender qué mecanismos activan para sobrevivir e medrar en ambientes tan desfavorables para a vida. Cremos que esta información pode ser moi útil para deseñar, no futuro, estratexias de mellora dos cultivos contra o clima máis extremo preditos polo cambio climático.