O salvagarda dunha goleta centenaria

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Evitou o despece dun barco do ano 1912 e agora destínao a fins turísticos

06 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Para que tesouros do pasado, como a Evangelina I, estean a disposición de todo aquel que queira gozalos ten que haber persoas como Enrique Rial. Este rianxeiro salvou in extremis a embarcación, evitando a sentenza de despece que xa lle fora ditada polos anteriores propietarios e, despois de investir unha suma importante na súa restauración, decidiu destinala a fins turísticos. Desde hai uns días, a goleta ofrece a posibilidade de facer singulares percorridos pola ría de Arousa.

A Evangelina I, cos seus 18 metros de eslora e 5 de manga, saíu no 1912 dun estaleiro do Freixo bautizada como Letroisi, para dedicarse ao tráfico de mercadorías, tendo como principais escenarios de traballo as rías de Arousa e Vigo. Estivo navegando a vela ata a década dos 50, cando lle foi instalado un motor co propósito de obter maior rendemento no seu novo fin, a draga de area no río Ulla. Sobre a goleta pesou a primeira sentenza de morte nos anos 60. Esquivouna abríndose camiño como barco bateeiro no Freixo, aínda que perdeu no camiño as velas e os paus.

No 2005, o seu destino volvía a ser o despece, e foi cando Enrique Rial se converteu no salvagarda da Evangelina. Aínda que este rianxeiro sempre traballou en terra, ten fondos vínculos co mar: «Os meus bisavós traballaban en embarcacións que se dedicaban ao transporte pola ría de Arousa e había anos que me picara o bicho de meterme de algún xeito nese mundo», confesa.

Así que, cando a oportunidade se lle presentou, non o pensou dúas veces. Asegura que se fixo coa goleta co fin único de evitar a súa desaparición, como aquel que conserva un tesouro consciente da súa valía, aínda sen saber moi ben como ía preservalo. O rianxeiro puxo a embarcación nas mans da firma local Estaleiros Catoira e, despois de dous anos de traballo, a Evangelina volvía a sucar as augas hai unha década.

Coa imaxe orixinal

Enrique Rial fai fincapé no feito de que, en todo este longo proceso, sempre tratou de respectar ao máximo a imaxe orixinal da goleta, sobre todo cando lle devolveu as velas e os paus: «Tiven aquí dous meses a un home que traballou en Cartaxena, nos buques da Armada, que foi o que se encargou de todo este proceso».

Mentres se levaba a cabo o proceso de restauración, o rianxeiro descubriu que o barco aínda conservaba moitas pezas daquel Letroisi centenario: «Entre o pau e a quilla apareceron moedas da época da botadura, pois era costume colocalas aí. Nós cambiámosllas por outras actuais».

Ao longo da última década, con Enrique Rial convertido en patrón, a Evangelina funcionou como barco de recreo privado, pero o elevado custe que supón o seu mantemento e as gañas do rianxeiro por poñer en valor o seu tesouro, propiciaron que a goleta pasara a ter fins turísticos: «Para min supuxo un enorme sacrificio restaurar o barco, pero téñolle un grande aprecio e o meu obxectivo prioritario é mantelo no mar».

E sorteando as pequenas ondas da ría de Arousa se atopa nestes intres a embarcación. Alí continuará ata finais de agosto, ofrecendo tres tipos de travesías: pequenas viaxes para coñecer a fermosura do litoral e a riqueza produtiva do seu impresionante parque de bateas, percorridos de tres horas con degustación de mexillóns e viño a bordo, e mesmo aluguer de todo o día para que a tripulación deseñe libremente a folla de ruta.

Enrique Rial converteuse, case sen sabelo, nunha peza fundamental no proceso de recuperación e posta en valor da cultura mariñeira. El prefire pensar que só cumpriu o seu soño e que agora axuda a que todos poidan gozar do paraíso barbancés.