O papel da cultura a través de 25 números de «A Voz de Barbantia»

a. parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Nun concorrido acto da presentación do quinto recompilatorio púxose de relevo a traxectoria deste suplemento

02 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«A cultura trátase de cultivar o espírito e as facultades intelectuais, é unha palabra unida ao progreso e tamén á civilización, é un tecido social que abraza os costumes e rituais sociais», podería parecer que con estas palabras o presidente da asociación Barbantia, Manuel Cartea, estaba a describir a relevancia da cultura na sociedade, pero hai moito máis tras delas. Estas verbas simbolizan a traxectoria do suplemento cultural A Voz de Barbantia, do que onte se estreaba o seu número 126 e se daba a coñecer o quinto recompilatorio, que abrangue as 25 últimas publicacións e que estará dispoñible este outono nos puntos de venda habituais.

Agradecemos a La Voz de Galicia o feito exemplar de nos abriren as portas da súa casa e nos emprestaren este cuarto de luz»

A presentación deste novo compendio da entrega que cada venres de fin de mes publica La Voz de Galicia tivo lugar no auditorio municipal ribeirense e contou coa participación do propio Cartea, así como do alcalde, Manuel Ruiz; o delegado de La Voz de Barbanza, Ramón Ares; a deputada provincial e responsable da área de Servizos Sociais, Ánxela Franco, e a vicepresidenta de Barbantia, María Xesús Blanco. Cada unha das súas intervencións construíron un vivo relato da necesidade de que a sociedade e a Administración se impliquen na produción cultural.

Blanco, tamén colaboradora desta publicación cultural, brindoulle un paseo á audiencia por cada unha das diversas e ricas seccións que a compoñen, citando antigos parágrafos, como este do escritor Antón Riveiro Coello no primeiro recompilatorio: «Agradecemos a La Voz de Galicia o feito exemplar de nos abriren as portas da súa casa e nos emprestaren este cuarto de luz».

Apoio e compromiso

Ánxela Franco comezou o seu discurso lembrándose do seu anterior oficio como repartidora desta cabeceira, para confesar que «reivindico Barbantia como reivindico La Voz de Galicia escrita e reivindico o arrecendo do papel cada mañá» porque «iso é poesía». Así, a deputada provincial manifestou o compromiso da institución que representa alegando que «Barbantia é a memoria que queda no papel dos nosos actos de cada día e é a perspectiva do territorio vista pola nosa xente e quen a coñece».

Na mesma liña de recoñecemento, ao medio de comunicación e a todas as persoas que loitan cada mes por materializar esas esperadas catro páxinas, se posicionou o rexedor ribeirense, Manuel Ruiz, cando destacou: «Creo sinceramente que asociacións como Barbantia fan moito pola cultura porque son un punto de encontro da liberdade».

Como ata agora, nas mans de todos, na unidade arredor deste milagre que se chama A Voz de Barbantia está o futuro»

Pola súa parte, o delegado de La Voz de Barbanza, Ramón Ares, abordou con agarimo cada un dos laboriosos procesos de edición do suplemento e salientou o espírito perfeccionista do seu presidente. O xornalista tamén aproveitou para analizar o duro proceso de transición dixital que vive a prensa escrita e amosouse convencido de que proxectos como este deben continuar «como ata agora, nas mans de todos, na unidade arredor deste milagre que se chama A Voz de Barbantia está o futuro».

O comezo e o remate deste acto tiveron o sabor da mellor música tradicional, xa que contou coa actuación de cinco mozas cantareiras da asociación Bailadela, que encheron a sala de sorrisos con cancións populares como Se non tedes sachos.