Barbantia celebra a continuidade dun proxecto que camiña con paso firme

La Voz

BARBANZA

MARCOS CREO

O auditorio ribeirense acolle a presentación do recompilatorio que recolle os 25 últimos suplementos publicados en La Voz

30 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Auditorio de Ribeira • 20.00 horas • A familia de Barbantia reúnese esta tarde para celebrar a continuidade dun proxecto que camiña con paso firme, da man de La Voz de Galicia. O delegado da edición comarcal do xornal, Ramón Ares; o presidente da asociación cultural, Manuel Cartea; a deputada provincial Ánxela Franco; e mailo alcalde ribeirense, Manuel Ruiz, participarán na presentación do quinto recompilatorio de A Voz de Barbantia, no que se recollen os últimos 25 suplementos culturais publicados neste diario.

O recompilatorio presenta unha estrutura igual aos anteriores e é o resultado de dous anos de traballo sobre a historia, as ciencias sociais e as letras. «A gran novidade é a permanencia do tempo», indica Manuel Cartea. O presidente da asociación Barbantia explica que, nos tempos que corren, parece case un «milagre» que un suplemento de carácter cultural e literario coma este continúe saíndo e manteña «a intensidade e o valor dos traballos».

Colaboradores

Unha das claves para conseguilo, considera Cartea, atópase nos propios colaboradores que participan no proxecto, e supoñen unha das pedras angulares do mesmo. «Temos uns colaboradores excepcionais, unha fornada de xente que tanto vale para un roto coma para un descosido, cunha capacidade e versatilidade insólita para adaptarse ás temáticas que sexan precisas. O valor humano do equipo que traballa en A Voz de Barbantia é fundamental para levalo a cabo, porque é xente moi preparada e polifacética, capaz de resolver calquera entorto».

«Cada recompilatorio é unha meta e cada amencer un milagre. Tendo en conta que imos a velocidade de cruceiro é unha proeza», engade Cartea, para o cal o reto de cara a un sexto volume é manterse.

A presentación do último recompilatorio contará, como xa é habitual, cunha actuación musical. Esta vez correrá a cargo da agrupación de música tradicional da asociación Bailadela, que se ocupará de amenizar tanto a apertura coma o peche do acto. Este coincide, ademais, coa saída á luz dun novo número do suplemento cultural A Voz de Barbantia, o 126.